Birimbao
Seis son os músicos coruñeses que forman esta banda de folk que dende o ano 1999 foi conseguindo unha presenza cada vez máis notábel enriba dos escenarios galegos. A proposta do grupo busca achegar a música tradicional galega á mocidade, bebendo nas fontes tradicionais mais reinterpretándoas sen perder a identidade de orixe, incluso cando procuran en Portugal ou Irlanda as súas referencias sonoras. O respeito pola tradición e as ganas de traballar a prol da actualización da música galega, anceio común a moitas das bandas galegas do século XXI, marcan o quefacer de Birimbao, reflectido no seu único traballo, En Corso, (¿, 2001), onde soan pezas galegas acarón de jigs e polcas.
Despois de varios cambios tanto a nivel musical coma nos seus compoñentes, Birimbao chega a ter unha formación estable coa que comeza unha nova etapa no 2008, ano en que publican Birimbao. Os integrantes actuais do grupo son: Mabel L. Castro, voz, frauta traveseira, frautas de pico, whistle e pandeiretas; Chema Lorenzo, contrabaixo, baixo eléctrico, teclados; Pepe Mato, acordeón diatónico e acordeón piano; Alberto Camba, batería e percusións; Manuel Caridad, violín, gaitas e percusión tradicional; Manolo Gesto, guitarra eléctrica, guitarra acústica e voz.