O pasado domingo 1 de febreiro fomos até o Aturuxo de Bueu para ver o novo proxecto que presentaba un dos Mc's de DKTC, o SOKRAM. Acompañado nos pratos, -as veces tamén no rap, polo Mou, o rapeiro de Ordes regalounos un feixiño de temas dun cariz por veces máis persoal do que adoitan ter as letras de DKTC. Tamén os Alto Asalto subiron ao escenario para unha colaboración cos Mc's de Ordes. Aquí vos queda a nosa crónica, vídeo e fotos incluídos.

Non estaba cheo o Aturuxo para recibir a proposta en solitario do SOKRAM. Porén, bo ambiente para escoitar as novas cancións, estreadas apenas uns días antes na Capitol. O de Ordes deulle un repaso absoluto ao disco de estrea, salpicando aquí e alá o concerto con temas de DKTC, nos que Mou adoitaba tamén apañar o micro. Moitos dos temas do novo disco tratan angurias persoais do Sokram, anécdotas, o seu universo hip hop. Foinos presentando, e fíxoo polo miúdo, explicando de onde xurdiran e que pretendían comunicar. Por veces isto ralentizou un pouco o concerto, aínda que axudou a crear un clima de cercanía co público que prestou moito. Desde logo, tamén lle permitiu ao SOKRAM coller folgos. Malia os apoios do Mou e a colaboración -moi guapa, tédela no vídeo- dos Alto Asalto, o certo é que a maior parte do tempo é o Mc en solitario o que leva todo o peso do concerto, polo que esas paradiñas tamén axudaban.

Cero egocentrismos mais moita reflexión e moita rabia acumulada nestas novas cancións do SOKRAM. A proposta en solitario é interesante e moi acaída a locais pequenos, coma o Aturuxo,  que permiten moita proximidade entre artistas e público. Tanta, que o de Ordes mesmo chegou a rapear e bailar pogo entre a xente. Tras non irmos á Capitol, quedamos coa dúbida de como funcionará o concerto nun sitio máis grande. Na Candeloria en 3 semanas sairemos de dúbidas.

Aquí tedes as fotos e o vídeo resumo que fixo Lety GF.

{artsexylightbox picasaUser="gzmusicaweb" picasaAlbum="SOKRAMnoAtu"carousel="true" carousel_visible="4"}{/artsexylightbox}


FOTOS E VÍDEO:  Lety GF

TEXTO: lavesedo

{fcomments}