Este ano GZmúsica decidiu achegarse máis polo norte do país, até algún dos festivais que se montan nas provincias da Coruña e Lugo. Así, recuncamos no Discalz@s ou volvemos a Pardiñas, mais tamén estivemos por vez primeira en sitios como no Festival 27373 de Begonte ou nun novo festival, que se organizaba en Narón por vez primeira: O Gulliver Fest. Festi furgoneteiro e até alí marcharon Martín e Isaac coa súa carrinha.
Comezaba agosto e comezaban as nosas vacacións, para estrealas nada mellor que coller a furgo e irmos de festival. Despois do xoves do Son Rías Baixas, a pouco máis de dúas horas tiñamos o Gulliver Fest, un festival organizado en Narón nun espazo privilexiado á beira do río Xuvia.
O lugar perfecto para desconectar e desfrutar das súas actividades. O Gulliver fest está feito para festeiros pero sobre todo para festeiros viaxeiros e damos fe, charlas viaxeiras, concertos, natureza e un ambiente familiar. Até vimos algunha cara coñecida do mundo musical expoñendo a súa viaxe a Irán nas charlas ;) Máis de cen furgos, autocaravanas e zona de acampada e como dixemos moi bo rollo que vos deixamos neste vídeo resumo:
Chegou a noite e chegou a romaría. Cachas and Cousins foron os encagados de abrir o escenario de noite. O grupo naceu en Santiago de Compostela alá polo ano 2014. Esta formación inclúe no seu repertorio clásicos da escea rocksteady xamaicana dos 60 e algúns outros temas levados ao seu terreo. Nunca nos cadrara escoitalos e tocará repetir.
Quenda para “La Chata Soul”, un proxecto musical que nace no ano 2016 co obxectivo de desfrutar facendo música, a través de versións pouco habituais de Street Funk, Soul e Blues. Moita forza e moito ritmo que fixo que non parásemos de bailar.
Pechamos este primero día coa tolemia ska-punk-folc dos Skarnivals, a banda de Bueu que xa leva 6 anos sobre os escenarios deu o mellor de sí tocando cancións tanto de anteriores traballos como do seu último disco “Movimiento Irracional”, poñendo a bailar e a chimpar a todo o mundo que se achegou polo escenario.
Despois deste primeiro día non nos liamos máis e tocou recollernos na furgo para coller forzas para o día seguinte. O sábado comezou con clases de Ioga, seguidas das actividades musicais para nenos cun concerto de Lydia Botana, a artista de Culleredo fixo bailar a grandes e pequenos co seu espectáculo “De Aquí Para Alá”
Lydia levounos até a sesión vermú, non hai paraxe no Gulliver, quenda para Maina Materia, proxecto de Lidia India, Eugenia Sanmartín e Carmen Sixto, veciñas da comarca de Ferrolterra. Mulleres con moita música ás súas costas. Temas propios e de mistura que nos deixou moi bo sabor de boca, algúns son máis festivos e outros non tanto, todo dentro dunha poética íntima chea do seu sentir de mulleres. Con pouco máis dun ano de recorrido, agora están somerxidas na gravación do que agardardan será o primeiro de moitos discos da formación.
Tras a sesión vermú, os xogos populares e actividades para os máis pequechos, fomos escoitar as charlas viaxeiras onde se expoñeron viaxes. Cada viaxeiro tiña 6 minutos e 40 segundos falando da súa aventura. Destacaríamos despois a Jorge Sierra, que recorreu o mundo no seu Naranjito, un 2 CV laranxa e do que podedes atopar a súa aventura no seu libro ou na serie documental en youtube “Naranjito y Yo”. E chegou a segunda noite da man dos Natural Green, un que grupo naceu coa intención de facer a música que a eles lles chega e lles representa, coa que comparten mensaxe, é dicir, o reggae. As súas influenzas son variadas, roots, new roots, dub, rub a dub, jazz, música clásica, música tradicional, folk, hip hop, rock e funk.
The Lákazans, un grupo para repetir, case dez anos de andandura con influencias que van dende o blues máis clásico de artistas como Howlin’ Wolf, Muddy Waters ou Hound Dog Taylor ata o soul de Aretha Franklin, Etta James ou Sam Cooke, pasando tamén polo country de Johnny Cash; sen olvidar aos grandes do rock & roll como Bob Dylan, Elvis Presley, Neil Young ou The Rolling Stones. Forza e festa que recomendamos.
Muyayo Rif pechou o festival, e vaia se o pechou, viñan do Son Rías con ganas de festa, cousa que compartían os asistentes. Os cataláns engaden ao seu repertorio novos sons coma o electroswing ou o balkan logrando un directo potente e enérxico. Festa e reivindicación a partes iguais.
E até aquí o Gulliver Fest, moi boa sensación e ganas de repetir o ano que vén, ben organizado e moito traballo desinteresado, un dez para organización. Arrancamos a furgo que nos agardan “os domingos de Pardiñas”.
Até outra!
VÍDEO: Martín Rodas
TEXTO: GZmúsica