Que vén sendo o Cartafol?

  • Que é o cartafol? O Cartafol é unha base de datos da música galega. Grupos, solistas, formacións tradicionais, etc.
  • E para que serve? Pois para aprendermos da nosa música e para ter onde ir buscar un contacto, unha web, etc.
  • Quen fai o cartafol? O Cartafol é un proxecto que comezamos en GZmúsica pero agora temos que facer medrar entre todas.
  • Como se colabora? Dentro duns días habilitaremos o rexistros de usuarios. As persoas que se rexistren poderán, entre outras cousas, subir contidos ao cartafol.
  • E se non lle controlo para andar a editar? Pois podes mandar un mail a info@gzmusica.com coa info e nós encargámonos de subila ;-)


Home Cartafol Rock Os Resentidos

Buscar no Cartafol:

Os Resentidos

Ecoaban aínda os ecos da aldraxe e encetaban, -de volta-, os paus contra os traballadores do metal cando nun baixo do Calvario, compartido cuns rapazolos punkies que devecían por matar hippies nas Cíes, -ou eran Sías?-, comezaron a se xuntar para facer música Antón Reixa, Alberto Torrado, Javier Soto e Rubén Losada. Era o ano 1982 e eles deron en se chamar Os Resentidos. Agora, 25 anos despois do seu inesquecible Galicia Caníbal e a piques de se cumprir 30 do nacemento do grupo, é tempo de lembrar a traxectoria dos fundadores do rock galego, nacidos arredor do poliédrico Reixa. Antón Reixa, que formaba parte do colectivo poético Rompente dende os seus inicios no ano 1977, decidiu afastarse do mundo das letras, un mundo que deixara atrás a rebeldía dos primeiros tempos democráticos. O filólogo e profesor vigués atopou no fervedoiro musical dos primeiros oitenta na súa cidade un mundo en ebulición ao que se acabou unindo e case ao mesmo tempo que se ían armando os Siniestro Total, -amigos cos que compartiron local de ensaio, varios membros e EP de estrea, o mítico Surfin’ CCCP, (Grabaciones Accidentales, 1984)-, nacían Os Resentidos, facendo rock en galego. Hoxe, cando hai máis de 100 bandas en activo e consolidadas no país cantando na nosa lingua e tocando unha ampla variedade de estilos, isto pode non semellar novedoso, mais cómpre lembrar que na altura os únicos referentes aos que podían botar man eran os Goma-2 de Portonovo, auténticos precursores do Bravú a finais dos setenta. Ou iso, ou Andrés do Barro; alén do folc e tradicional, apenas había máis nada. Porén, o propio Reixa ten confesado que o emprego do galego dotou a banda dunha identidade estética singular e dende logo non foi maior obstáculo para a súa difusión estatal, como testemuñan o éxito do seu grande hit Galicia Caníbal, máis coñecido polo retrouso de “Fai un sol de carallo” ou a elección do seu quinto disco, Jei, (Grabaciones Accidentales, 1990), pola revista musical Rockdelux como mellor disco de rock do ano en todo o estado. Este traballo, considerado por moitos o mellor da súa traxectoria, está xa lonxe, -en canto á elaboración, non tanto na idiosincrasia-, dos seus primeiros traballos, Vigo, capital Lisboa, ( GASA/DRO, 1984) e Fai un sol de carallo, (GASA/DRO, 1986), herdeiros dun movemento punkie aínda esmorecente, sobre todo na periférica Galiza, que convertía todo virtuosismo en algo rexeitable. Malia todo, a pouca riqueza musical dos seus primeiros traballos, -por outra banda, común naqueles oitenta a moitísimos outros grupos galegos e estatais-, era suplida por unha arroiada de frescura, de boas letras, de capacidade de síntese e anovamento da identidade cultural de noso. Deixou dito Vituco Neira, nunha entrevista realizada ao Reixa por mor do 25 aniversario de Galicia Caníbal, -incluído no seu segundo disco e responsable en gran medida do seu salto á primeira liña musical-, que a letra desta canción xa se escribira moito antes da creación dos Resentidos. Sobrevoaba o subconsciente do noso pobo até que eles lle souberon dar xeito. Non se pode dicir mellor. A súa andaina remata no 1994, aínda que no 1999 volveron actuar no espectáculo Galicia Beibe, e o seu derradeiro traballo foi o recompilatorio Made in Galicia 1982-1994, (Grabaciones Accidentales, 1994), saído pouco despois de Están Aquí, (Grabaciones Accidentales, 1993). Tras milleiros de discos vendidos e de centos de concertos, despois de facer o que lles petou e sen lle render contas a ninguén, Os Resentidos sepáranse. Deixaron sementado o que antes era un ermo, déronlle referentes propios á xeración bravú e remataron con absurdas discusión arredor da viabilidade do galego para o rock. Estarán sempre, en definitiva, na orixe do rock feito en galego.

Novas Relacionadas:
Images (4)

Índice Alfabético de Grupos

A-B-C-D-E-F-G-H-I-J-K-L-M-N-O-P-Q-R-S-T-U-V-W-X-Y-Z

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto