Que vén sendo o Cartafol?

  • Que é o cartafol? O Cartafol é unha base de datos da música galega. Grupos, solistas, formacións tradicionais, etc.
  • E para que serve? Pois para aprendermos da nosa música e para ter onde ir buscar un contacto, unha web, etc.
  • Quen fai o cartafol? O Cartafol é un proxecto que comezamos en GZmúsica pero agora temos que facer medrar entre todas.
  • Como se colabora? Dentro duns días habilitaremos o rexistros de usuarios. As persoas que se rexistren poderán, entre outras cousas, subir contidos ao cartafol.
  • E se non lle controlo para andar a editar? Pois podes mandar un mail a info@gzmusica.com coa info e nós encargámonos de subila ;-)


Home Cartafol Folk Cuarteto Caramuxo

Buscar no Cartafol:

Cuarteto Caramuxo

Este peculiar cuarteto, o único composto por seis membros do que se ten noticia, supón unha das estreas máis interesantes na nosa música dos últimos anos. Inicialmente formado por catro clarinetes, tocados por Felipe Agell, Xoán Carlos Vázquez, Óscar Prieto e Fernando Abreu, -tamén Cándido Lorenzo estivo no grupo algún tempo-, e que abranguen toda a familia do instrumento, o Cuarteto Caramuxo mudou a sexteto coa entrada da percusionista Patricia Cela e do acordeonista Alonso Caxade, mais decidiu non cambiar o nome e si virar de vez o seu repertorio cara á reinterpretación de pezas da tradición musical do país, pescudando nos cancioneiros populares galegos e botando man de compositores actuais para recoller as súas melodías, coas que gañou o concurso Festival Folk Cancioneiros convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza no 2008, o que lle valeu poder gravar este seu disco de estrea, Tiruriru, (Falcatruada, 2009). Un dos requisitos do concurso era que os traballos incluísen canda menos un 50% do seu repertorio temas recollidos do Cancioneiro galego de Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal e Gay ou no Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro e Folgar e deste xeito o traballo apresenta as reinterpretacións de varias destas pezas, como Muiñeira e Ribeirana, onde se altera a orde agardada co acompañamento de clarinetes para que o acordeón dea a melodía, ou Entre Vigo e Pontevedra, incluída, -ao igual ca o Pasatriple de Sárdoma-, tamén no espectáculo Vento Mareiro, no que o grupo colabora co actor Avelino González e polo que recibiu no ano 2006 o premio de teatro María Casares á Mellor Música Orixinal. Precisamente esta faceta teatral, á que volveron en abril deste ano coa estrea no Palacio da Ópera da Coruña d’A Ratiña Laranxa, un espectáculo didáctico para nenos de 3 a 6 anos, impera nas súas actuacións ao vivo, pois adoitan apresentar unha posta en escena moi coidada,  onde ningún detalle é deixado ao azar, o que fai ás veces dubidar de se non estamos diante dun verdadeiro espectáculo teatral no canto de asistirmos ao que comunmente agardamos que sexa un concerto.

Novas Relacionadas:
Images (1)

Índice Alfabético de Grupos

A-B-C-D-E-F-G-H-I-J-K-L-M-N-O-P-Q-R-S-T-U-V-W-X-Y-Z

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto