Home Cartafol Folk Fía na Roca

Fía na Roca

Grupo folk creado despois da desaparición de Xorima por algúns dos seus integrantes, co engadido do ex-Armeghín Quico Comesaña, e que paseniño ten consolidado unha traxectoria notábel que os leva a contar xa con catro traballos no seu camiño. A proposta de Fía na roca foi pioneira na actualización do folk galego, coa aceptación de referentes afastados dos tradicionais e a creación dun estilo que axiña captou adeptos entre o publico gorentoso de produtos de calidade. Pódese falar de dúas etapas na traxectoria do grupo: unha que abrangue os cinco primeiros anos da década dos noventa, reflectida nun traballo homónimo e autoeditado, no seu selo Corda Frouxa en 1993, que sorprendeu polas devanditas influencias arábigas e jazzísticas e onde a parte instrumental protagonizaba a música do grupo; despois veu o paréntese que supuxo a saída de Quim Farinha e Quico Comesaña, enrolados no proxecto Berrogüetto, e a incorporación definitiva do ex-percusionista de Doa Carlos Castro, antes colaborador, que xunto aos veteráns Xosé Ramón Vázquez e Xabier Bueno compoñen a cerna desta nova etapa, que continúa hoxe, onde o número de integrantes medrou ate chegar a sete coa incorporación da cantante Sonia Lebedinski no terceiro disco, Contravento. Antes apareceu Agardando que pase algo, (Resistencia, 1997), onde os trocos na formación non restaron calidade nin capacidade de experimentar á banda. Si que foi apreciábel a modificación experimentada coa entrada de Lebedinski, presenta xa en Contravento, que outorgou protagonismo á voz, ate o momento practicamente testemuñal nas cancións do grupo, malia tiraren o nome dunha peza cantada tradicional, “A troula de Campañó”. Os integrantes de Fía na roca decidiron celebrar o seu décimo aniversario coa gravación dun interesante directo, que fai un percorrido pola súa carreira aportando novas interpretacións dos vellos temas, feitas pola actual formación.

Novas Relacionadas:
Images (2)

Buscar no Cartafol:

Índice Alfabético de Grupos

A-B-C-D-E-F-G-H-I-J-K-L-M-N-O-P-Q-R-S-T-U-V-W-X-Y-Z

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto