Que vén sendo o Cartafol?

  • Que é o cartafol? O Cartafol é unha base de datos da música galega. Grupos, solistas, formacións tradicionais, etc.
  • E para que serve? Pois para aprendermos da nosa música e para ter onde ir buscar un contacto, unha web, etc.
  • Quen fai o cartafol? O Cartafol é un proxecto que comezamos en GZmúsica pero agora temos que facer medrar entre todas.
  • Como se colabora? Dentro duns días habilitaremos o rexistros de usuarios. As persoas que se rexistren poderán, entre outras cousas, subir contidos ao cartafol.
  • E se non lle controlo para andar a editar? Pois podes mandar un mail a info@gzmusica.com coa info e nós encargámonos de subila ;-)


Home Cartafol Folk Fuxan os Ventos

Buscar no Cartafol:

Fuxan os Ventos

Comarca
Video
En activo
si

Grupo lugués con máis de trinta anos de historia ás costas, dende que fixeron o seu debut en 1972 baixo a denominación Folk 72, que axiña mudaron polo nome dunha das súas primeiras composicións, Fuxan os ventos, coa que gañaron o III FESTIVAL de SAN LUCAS de Mondoñedo (LUGO). Neste colectivo musical –quizais sexa esta a mellor maneira de clasificalos, por mor da cantidade de persoas que pasaron pola formación sen mudar significativamente o seu estilo- reuníronse as dúas vertentes musicais galegas que existían no tardo-franquismo: a canción social que tiña no colectivo Voces Ceibes o mellor expoñente e mailas cantigas tradicionais que a transmisión oral achegara ate o século XX. Isto pode explicar o gran suceso que tivo o grupo nos anos setenta e oitenta, nun público heteroxéneo que abranguía todo o espectro social e político da época. Pode resultar estraño o matiz político tan acusado que arrodeaba a música destas décadas mais daquela a situación social galega facía que moitas formacións non puidesen evitar que esta temática aparecese deseguido na súa obra. E os Fuxan foron uns dos máis comprometidos. A medida que ían recollendo cantigas polas vilas e aldeas galegas, decatábanse da realidade socio-política galega e foron pouco a pouco adquirindo un cada vez maior compromiso que se traduciu na paulatina incorporación de cancións de denuncia desa realidade: Poemas propios e de outros autores son musicados polo grupo, sumándose deste xeito a outros colectivos que loitaban na mesma liña de oposición á ditadura e de reivindicación dun pobo, un idioma e unha cultura propia. Na traxectoria de Fuxan os ventos pódense diferenciar dúas etapas; unha primeira que abranguería os seus cinco primeiros traballos discográficos: Fuxan os ventos (Philips, 1976), O Téqueletéquele (Philips, 1977), Sementeira (Philips, 1978), Galicia canta ó neno (Philips, 1978), e Quén o soubera cantar (Ruada, 1981), producido o derradeiro pola primeira editora discográfica galega, a devandita Ruada. Esta etapa caracterízase polo absoluto protagonismo das voces e pola forte presenza, agás no cuarto traballo adicado aos cantares do nadal, da temática política que sempre souberon os Fuxan axeitar con naturalidade ás pautas estruturais da tradición. Despois de abandonaren o grupo Xosé Luis Rivas e Baldomero Iglesias, máis coñecidos como Mini e Mero, que axiña artellaron A Quenlla, e coa entrada dun trío de música tradicional, comeza unha segunda etapa onde gaña en protagonismo a parte musical, malia non empregaren ate o seu derradeiro traballo, como ten sinalado Xoán Manuel Estévez , o instrumento totémico da música galega, mudanza que amosa con claridade o seu sexto disco, Noutrora (Fonomusic, 1984). A partir da edición deste traballo Fuxan os ventos continúan a dar concertos, malia non sacar novos discos, deica a actuación no festival Agapito Marazuela en Segovia en 1989 onde comezan un longo silencio, apenas rachado en Láncara en 1993.

SEN ACTUALIZAR

Novas Relacionadas:
Images (2)

Índice Alfabético de Grupos

A-B-C-D-E-F-G-H-I-J-K-L-M-N-O-P-Q-R-S-T-U-V-W-X-Y-Z

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto