Que vén sendo o Cartafol?

  • Que é o cartafol? O Cartafol é unha base de datos da música galega. Grupos, solistas, formacións tradicionais, etc.
  • E para que serve? Pois para aprendermos da nosa música e para ter onde ir buscar un contacto, unha web, etc.
  • Quen fai o cartafol? O Cartafol é un proxecto que comezamos en GZmúsica pero agora temos que facer medrar entre todas.
  • Como se colabora? Dentro duns días habilitaremos o rexistros de usuarios. As persoas que se rexistren poderán, entre outras cousas, subir contidos ao cartafol.
  • E se non lle controlo para andar a editar? Pois podes mandar un mail a info@gzmusica.com coa info e nós encargámonos de subila ;-)


Home Cartafol Folk Na Lúa

Buscar no Cartafol:

Na Lúa

Comarca
Video
En activo
non

Grupo artellado na vila pontevedresa do Porriño na década dos oitenta, presentaron a súa estrea discográfica homónima en 1985, e que axiña atoparon un estilo de seu baseado nas influencias da música portuguesa e nun son encadrado no folk progresivo -ou incluso máis alá-, onde a batería e a guitarra eléctrica compartían protagonismo con aqueloutros instrumentos propios da música tradicional, para alén do violín de Pancho Álvarez, o baixo eléctrico, os sintetizadores ou nos últimos tempos a percusión africana. Isto permitiu a Na Lúa crear un son característico onde a parte vocal tamén ten con grande importancia, sobre todo na época en que o grupo contou nas súas filas coa presenza de Uxía Senlle: dende o seu segundo traballo discográfico, Estrela de Maio, (Clave Records, 1987) deica o cuarto Contradanzas, (Sons Galiza, 1991). Entrementres gravaron o que sería o máis interesante disco desta etapa, Ondas do mar de Vigo, (Clave Records, 1988), obra multidisciplinar onde colaboraron persoeiros coma o fotógrafo Vítor Vaqueiro, autor tamén da capa de Peliqueiro, (Sons Galiza, 1994), Manuel Rivas ou un monllo de poetas da bisbarra viguesa: Manuel Forcadela, Antón Reixa, Román Raña,..., que aceitaron o desafío de compór as letras dos temas sobre a proposta musical que lles presentaba o grupo. Malia a continuidade dos instrumentos “eléctricos” ou a presenza das referencias lusas, -versións do “Zeca” Afonso, percusións propias das treboadas -, a última etapa do grupo, tras abandonar a formación Uxía, Pancho Álvarez e Darío Moreira, semella ter unha sonoridade máis folk, lonxe da excesiva electrificación que caracterizou o remate da anterior etapa, que abrollaba n’Os tempos son chegados, (Boa, 1997) e que calla de vez en Feitizo, (Boa, 1999), coherente traballo que xira arredor da bruxería, dos meigallos e de toda a imaxinería máxica galega, e que permite afirmar a traxectoria dun grupo que se converteu paseniño nun referente da nosa música. Para festexaren os vinte anos da formación, os membros de Na Lúa decidiron compilar os mellores temas da súa carreira e así naceu As fases de Na Lúa, (Boa, 2001), un percorrido circular polos traballos do grupo, con 14 gravacións orixinais e 4 temas gravados de novo.

Novas Relacionadas:
Images (1)

Índice Alfabético de Grupos

A-B-C-D-E-F-G-H-I-J-K-L-M-N-O-P-Q-R-S-T-U-V-W-X-Y-Z

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto