Marful foi unha banda formada na primeira década do século XXI por Ugia Pedreira, Marcos Teira e mais Pedro e Pablo Pascual. Inspirados nas músicas dos salóns de baile da primeira metade do século XX, fusionan aqueles ritmos de antano con letras de temática social e totalmente contemporáneas.
Estreáronse no 2006 cun álbum homónimo, publicado por Ediciones Efímeras, ao que seguiu un segundo traballo, Manual de Sedución, en 2010. Os seus traballos supoñen unha raxada de ar fresco no panorama musical da época, coa súa fusión das jazz bands da década dos 30 e 40 do século pasado coa nosa tradición. Pouco despois de publicar o segundo traballo, a banda esmoreceu sen chegar a publicar un terceiro disco para o que estaban a traballar. Porén, tiveron tempo antes de tocar por todo o país e en distintos puntos da península Ibérica e incluso de levar as nosas músicas até Escocia ou Cuba.
Apesar de non ter un éxito masivo no público, tiveron o respecto da crítica, que sempre apreciou a súa calidade e a orixinalidade da súa proposta, e foron -aínda o son- influencia para moitos artistas posteriores de diversos estilos. Incluso a cantante Sabela Ramil, cando estaba a participar no concurso de TV Operación Triunfo, decidiu facer unha versión do seu Tristrás. Isto fixo que moitas persoas descubrisen na altura Marful e propiciu en parte a volta aos escenarios en 2019, no marco do Culturgal, para dar un "concerto despedida", que non deran no seu momento, acompañados da propia Sabela Ramil.