Carta aberta do Castañazo de Chantada a prol dunha Liga de Cantos de Taberna

A Asociación Cultural O Castañazo de Chantada fai pública unha carta dirixida a todos os colectivos e asociacións que organizan Concursos de Cantos de Taberna no país. Os organizadores do Castañazo Rock formulan a posibilidade da creación dunha Liga Galega de Cantos de Taberna. Trátase dunha proposta aberta, un convite ao diálogo co obxectivo de poder artellar esa Liga de cantos tabernarios.



Carta aberta da Asociación Cultural "O Castañazo" de Chantada a tódolos festivais, asociacións ou colectivos que organizan Concursos de Cantos de Taberna ou semellantes ao longo do país:

Estimados amigos e amigas.
Dende a Asociación Cultural "O Castañazo" que organiza cada ano o festival do mesmo nome na localidade lucense de Chantada, vimos traballando dende  fai uns anos na organización anual de canda o festival dun concurso de  cantos de taberna pola vila (pode que igual xa vos soe). Somos  completamente conscientes de que non é orixinalidade ningunha, pois  iniciativas deste tipo, moi semellantes todas en esencia, víñanse realizando por todo o país xa con ben anterioridade, algunhas delas moi consolidadas, outras xurdiron fai pouco e outras ben seguro que han de  aparecer aínda. Constatamos pois unha plural oferta de actividades deste tipo en diferentes puntos da xeografía galega mais sen ningún contacto  conciente ou relación entre elas (ou así o cremos nós).

Esta  carta que remitimos agora, non é máis que a plasmación dunha reflexión  feita no seo da nosa organización, invitando a forxar lazos mutuos entre asociacións e colectivos que se dedican a organizar Cantos de Taberna  na súas múltiples variantes e formatos.  Agora ben, cales poderían  ser as liñas de colaboración?. Pensamos nalgunhas en caso de que a idea  finalmente vaia a bo porto e sexa o suficientemente atraínte. Por suposto que isto non é unha adhesión a algo xa pensado ou preconfigurado
ao que outros se sumen sen máis. Non, para nada.  Simplemente son algunhas propostas abertas dende o máis completo espírito de colaboración e concordia.

Comentámosvos entón:
-  Pensamos na posibilidade de crear unha Liga/Campionato de Cantos de Taberna a nivel galego. Aberta a incorporacións de colectivos ou  asociacións que organicen Cantos, aberta de cara a configurar unhas  bases de participación comúns (remitimos adxunto unha posible proposta pero que non ten por que ser) entre todos, aberta en canto a metodoloxía, tempos e posibles premios aos participantes.
Por exemplo:
Poñamos por caso unha Liga con 5 eventos no calendario, os participantes  anótanse libremente como ata o de agora nos casos particulares que  desexen (o funcionamento xa que logo non variaría demasiado) mais  aqueles que decidan presentarse aos eventos que integran a Liga optarían a uns premios finais a nivel galego. Sumaríanse as puntuacións de tódolos Cantos nunha clasificación xeral. Crearíase un espazo na rede para a difusión desta iniciativa (blog por exemplo).

Esperamos que a idea sexa do voso agrado. Pedímosvos que a difundades entre os vosos contactos a fin de que chegue ó máximo número de organizadores posible. Non dubidedes en contactar con este correo para calquera cousa relacionada con esta proposta.
En todo caso, vaia ou non adiante. Que a forza das repichocas continúe resoando nas tabernas ao abeiro dunha boa cunca de viño.

Ánimo coas vosas iniciativas e ADIANTE!! Un saúdo.


As. Cultural "O Castañazo" (Chantada) 

foto: castanhazo.com 

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto