Terbutalina é unha banda de garage punk formada en Esteiro, no concello de Muros, en 2010. Letras acedas, por veces surrealistas e sempre irreverentes, unidas a ritmos frenéticos con temas de pouco máis dun minuto foron os sinais de identidade que axiña colocaron a Terbutalina entre as máis exitosas das bandas galegas dos anos dez.
Desde o comezo, a Terbutalina foi unha banda de directo. E así, o seu primeiro disco Live in Catoira (Autoeditado, 2011) foi gravado ao vivo nesta vila do Salnés. A formación que aparece neste traballo, Migui Terbutalino, na voz principal e guitarra, Mon Terbutalino, guitarra e voz, Samu Terbutalino no baixo e voz e mais Brais Terbutalino, batería e voz, foi a orixinal da banda. Eles catro gravaron tamén o EP Que de leite (Autoeditado, 2011) e o primeiro disco longo, Broncodilatador (Autoeditado, 2011), co que tiveron certo éxito na escena punk e alternativa galega, o que os levou a aparecer no cartaz de varios festivais do 2012, como o Revenidas ou o Furtivo.
A súa primeira vez en Revenidas, no 2012
Nese 2012 entra na banda Carlos Terbutalino, que se fai cargo da batería, pasando Brais ao baixo. Con esta formación de 5 membros gravan Hostias para todos (Autoeditado, 2012) e é tamén coa que xiran ese ano polos festivais e locais do país.
A nosa primeira entrevista a Terbutalina, no Furtivo 2012
No 2013, coa publicación de Ritmo Serbio (Autoeditado, 2013), a banda entra nunha época en que o recoñecemento en Galiza é cada vez maior, alicerzado nese frenesí que parecía rodear a banda na altura. Entre 2011 e 2015 sacan un disco por ano, e dan ducias de concertos, polo país e tamén comezan a saír fóra, onde sorprenden cun directo esmagador, con Tomás Ageitos como técnico dos directos desde que comezan a gravar n'A Ponte, Ritmo Serbio no 2013, e coa entrada de Diego Terbutalino na batería no 2014. Nese ano, e xa con Diego na batería, gravan con Ageitos A Muerte (Autoeditado, 2014) co que gañan o mellor álbum en galego nos Premio da Música Independente. Un ano despois chega Al otomano se la va la mano (Folc Records, 2015) de novo gravado n'A Ponte.
Terbutalina no templo do underground morracense, Bar Labranza no 2015
A partir do verán de 2016, comeza a acompañar a banda nalgúns directos Torres, que despois pasará oficialmente a ser membro da banda no 2018, aínda que antes sacan coa formación anterior Sonido Esteiro (Folc Records, 2017). Neste vídeo preséntannos a Torres no Armadiña Rock do verán do 2016.
No Armadiña Rock de Combarro no 2016
Na altura, a banda vese na encrucillada entre manterse nese estatus semiprofesional no que levaban xa 3 ou 4 anos ou dar o salto definitivo á profesionalización. Compaxinar os traballos con xiras, concertos e xeiras interminables na estrada era complicado. Samu e Brais, que levaban desde o comezo, e Diego, que entrara no 2014, acaban deixando a Terbutalina, na que seguen Mon e mais Migui e na que entran Torres, no baixo, e Héctor, na batería, no 2018.
Presentación da nova formación, no 2018
No 2019 e xa coa nova formación publican Espabila gallego (Folc Records, 2019), onde queda patenta a mudanza de estilo que xa apuntaba Sonido Esteiro, moito máis acougado ca os traballos anteriores e no que, como di o título, xa mostraba cara a onde querían levar a súa música. Moito máis garage e menos raiba punk. Sirva un dato curioso para explicalo. En A Muerte, 2014, nin un só tema pasa dos dous minutos. En Al otomano se le va la mano, 2015, só un: Pa pa ou ma ma, que pecha o disco anunciando xa a viraxe que comezaba a banda. No EP do 2017, Sonido Esteiro, o 50% pasan dos dous minutos. No traballo de 2019 xa son o 70%, 7 cancións de 10.
No Festiletras, na aldea do Couto, en Pontececso
Tras o parón da pandemia, a banda volveu publicar un single o 25 de febreiro de 2022, Costa abaixo, adianto de Era Cabra, (Folc Records, 2023), disco longo publicado en novembro de 2023, no que volve entrar Diego na batería. Volve tamén un son máis contundente, de guitarras por veces máis limpas que en discos anteriores e recuperando incluso ritmos rápidos dos seus primeiros discos.
(Actualizado en marzo de 2024)
AL OTOMANO SE LE VA LA MANO (FOLC RECORDS, 2015)
SONIDO ESTEIRO (FOLC RECORDS, 2017)
ESPABILA GALLEGO (FOLC RECORDS, 2019)
ERA CABRA (FOLC RECORDS, 2023)