Salceda bailou coa Treze Catorze

Chegou maio, chegaron os festivais de verán. Agás eses pequenos oasis -Taíña, Candeloria- que nos matan o ·"mono" na invernía, desde A Rebusca até a Treze Catorze, apenas hai festivais no país. Así que non podiamos faltar nesa primeira cita festivaleira, en Salceda de Caselas, que por tradición marca o comezo da temporada de festivais de verán. Até alí fomos para facer unha reportaxe con crónica, vídeo e fotos. Aquí a tedes!

Na nosa tradición, a festa dos maios sinala o inicio do verán. E desde hai uns anos, en maio en Salceda de Caselas a Festa Treze Catorze marca o comezo da rolda de festivais que percorre Galiza até rematar na Rebusca de Outono, en novembro. Ollando a exposición con fotos e cartaces de toda a historia do festival, enténdese perfectamente como en apenas 8 anos este pequeno festival se converteu en cita ineludible. Polo torreiro da Treze Catorze teñen pasado os mellores directos do país - O Sonoro Maxín, Terbutalina, Banda Potemkin,...- e bandas senlleiras do panorama ibérico, como este mesmo ano os Terrakota. Vese ás claras que as persoas que organizan o festival pertencen a esa tribo festivaleira que camiña, de maio a novembro, polos festivais do país e sabe ben que grupos van armar a festa.

Todo comezou xa o venres, con Cantos de Taberna e concerto de APISA, mais nós non puidemos ir. Mandamos unha pequena expedición o sábado xa a primeira hora, que puido gozar cos Vi Jetas, grupo veterán e tradicional de gran calidade, e con Vermutalina, os Terbutalina en sesión vermú. Se os que non coñecían os Vi Jetas quedaron admirados do seu bo facer, sobre todo na percusión, imaxinade o shock que puideron provocar os Vermutalina. Ao vivo, de día, case de mañá, esa ración de punk non é apta para calquera e só hai que ver este vídeo para comprobalo.

Aquí, os Vi Jetas

Despois veu tempo para o relax, os concursos e xogos, -coma sempre, o concurso de chimpos creou grande expectación-, os bailes tahitianos, etc, etc. E así, como quen non quer a cousa, caeu a noite e comezaron os concertos. A primeira banda en saír foi The Marveltons. Probaron pouco, apenas chequearon as liñas, pois a proba de Terrakota alongouse máis do normal, pero axiña soaron con toda a potencia que as catro voces e a banda que as acompaña poden ofrecer. Era a primeira vez que vía a banda ao vivo e sorprendeume moito. A proposta é sinxela, unha escolma de grandes éxitos que vai do ska clásico á música disco. Moito clásico do rock, algún tema de composición propia pero sobre todo unha execución maxistral, un son brutal e unha enerxía impresionante no escenario. Tanta, que puxeron a bailar punkies, hippies, señoras da aldea e todo o que estaba baixo a carpa da Treze Catorze e tiña espírito e pés.

A seguinte banda foi Terrakota. Os lisboetas teñen estado xa noutras ocasións no país, aínda hai apenas unhas semanas en Compostela, mais para min era a primeira vez coa nova formación, da que saíu -entre outros- a voz de Romí, antiga cantante. E se ben é certo que Terrakota perdeu unha voz excepcional e unha frontwoman que enchía o escenario coa súa presenza magnética, o certo é que bailarinas e as voces actuais -continúa o Junior e o novo guitarrista tamén canta- suplen con bastante solvencia a ausencia. Porén, faise estrano non atopar a Romí á fronte. Polo demais, Terrakota son unha banda de eficacia demostrada, solventes, profesionais, que saben transmitir desde o escenario toda a calidez dos seus temas, aínda que despois teñan ocorrencias peregrinas no backstage, como illarse do resto de formacións e montar un "á parte" para eles sós, para sorpresa do resto de persoas que compartían con eles a zona de artistas. 

E para rematar, os Ulträqäns. Eu xa non quedei a miralos pero si que mantivemos unha parte do noso equipo gozando co seu directo e a inestimable axuda do Pelu de Mos, que nos deixou a proba gráfica do concerto dos da Coruña. Polo que dixeron as persoas que si puideron velos, Ulträqäns fixeron o que sempre fan. Concerto impecable, levados por esa locomotora de velocidade e precisión que son Amil e Antón. E por riba, gaita, saxo, frauta traveseira e a guitarra solista que acaba por lle dar  o punto preciso a este grupo inclasificable. Unha batedora onde collen dos Iron Maiden a Marcial Dorado, irreverencia e clase a partes iguais nun dos mellores directos do país. 

Resumo fotográfico (61 fotos)

Picasa user or album is not correct

TEXTO: Lavesedo

FOTOS:  Lavesedo e Pelu de Mos

VÍDEO: Martín Rodas

{fcomments} 

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto