Crónica e fotos da Festa Folc de Vilariño

O pasado sábado 18 de agosto celebrouse a 13ª edición da Festa Folc de Vilariño. A praia desta aldea do Hío, no Morrazo, volveu reunir milleiros de persoas a bailar ao son da música do país. Estivemos aló, todo o equipo de GZmúsica. Algúns traballando, outros de troula. Non nos quedaba outra, xa que todas e todos os que dalgún xeito colaboramos nesta web somos do Morrazo e temos un vencello con este festival. Así que se agardas atopar unha crítica obxectiva, fría e sintética, non sigas a ler. Se queres botarlle unha ollada ás fotos do Xabicas e ler un pouco como nós vivimos o festival, continúa!

Como todos os anos, a Festa Folc comezou de mañá cedo, coa actuación da Treboada do Ghato pola aldea. Despois veu a Mexilloada Popular, amenizada por ducias, -literalmente-, de músic@s da zona e logo unha tarde de acougo na praia, descansando para os concertos da noite.

E pola noite, os primeiros en se subir ao escenario foron o grupo local Ludovaina. Malia os nervios e algún que outro fallo, -máis loxístico ca musical-, o certo é que foron un dos triunfadores da noite. Por unha banda, conseguiron unha cousa ben complexa: encetar a festa e facelo diante de varios milleiros de persoas. Nós este ano miramos como varios grupos de moito máis nome tiñan que comezar actuacións diante dun par de centos de persoas, pois a "moda" do botellón e os atrasos que xa se dan por feitos fan que apenas haxa xente nos festivais ás 10 da noite. Isto mesmo ten acontecido en Vilariño, por exemplo o pasado ano con Saltanocribo. Mais a capacidade de convocatoria dos Ludovaina fixo que este ano non fose así. Gustáronlle moito á xente. Para alén de mellores ou peores afinacións dos seus roncos, o certo é que a súa calidade musical é innegable. E o ben que o pasaron no escenario, tamén se transmitiu ao público. Ollo con eles, que están a piques de sacar disco de estrea e prometen dar guerra.

Despois foi a quenda dos Zurrumalla. A formación viguesa anda este ano cun técnico de son novo, o Renato Spencer, e a verdade é que o seu directo mellorou moitísimo respecto ao que puidemos ver o ano pasado no Intercéltico. Ademais, este ano están a tocar moito: Sons da Lameira, Festigal, Bandeira Folk, Vilariño, etc. e van camiño de se converter en referencia no país entre os grupos tradicionais cun cariz máis festivaleiro.

A terceira banda en saír ao escenario da praia foi Ruxe Ruxe. Na práctica cabezas de cartel, os composteláns volveron por terceira vez a Vilariño e volveron gustar. Comezaron unha migalla frouxos, con algún erro, pero en canto pasaron 3 temas xa estaban a tocar, e a soar, como o que son: unha das mellores, senón a mellor, banda do rock galego. Repasaron éxitos, cada vez máis coreados polo público, meteron varios dos temas do seu novo traballo e deixaron moi bo sabor de boca. A súa modestia impídelles velo, pero o directo dos Ruxe é do mellor que hai no país e levan anos deixando en "ridículo" bandas estranxeiras de máis sona coas que comparten cartel nalgún festival e que nin de lonxe resisten a comparación coa potencia dos de Aríns.

Para pechar a festa, A Compañía do Ruído. Comezar a tocar ás 4 da mañá, despois do nivel que marcara Ruxe Ruxe e diante dun público que xa estaba algo cando despois de 5 horas de música é un reto. E os de Ribeira superárono sen moito atranco. Tamén saíron un pouco descolocados, pero tampouco tardaron moito en lle coller a agulla de marear ao asunto e deixaron outro bo concerto. Clásicos da banda, unha dos Rastreros, outra dos Diplomáticos, -se a memoria non falla-, e varias de La Polla Records. Isto xa pode facer ver por onde van os tiros con esta renacida Compañía do Ruído, que deseguro que o vindeiro ano vai andar por moitos carteis de festivais galegos, pois presenta unha fórmula que funciona moi ben.

Pero non podemos acabar esta crónica sen falar do Leo. Tiña o cometido de saír entre grupo e grupo para facer máis levadeira á espera mentres técnic@s e músic@s fan os cambios. Porén, acabou mesmo por lles roubar protagonismo ás bandas e por sorprender o público, que se preguntaba marabillado quen era ese home de Matamá que facía tolerías no escenario. 


Comentarios  

 
+1 #1 Carlos Mariño 21/08/2012 19:00
Graciñas pola reportaxe!!
Citar
 

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto