Bate Batuke 2013

O pasado 1 de Xuño celebrabase en Compostela o festival de percusión Bate Batuke. O lugar escollido nesta ocasión (debido a que cada vez é máis complicado conseguir un permiso para utilizar o espazo público na capital da Galiza, segundo o evento do que se trate e quen organice), era o antigo colexio de Castiñeiriño. Esta edición foi un pouquiño especial xa que a Asociación Cultural Tropico de Grelos, organizadora do evento cumple 10 anos. Aínda que o festival vaia polo quinto. Crónica, fotos e vídeo-resumo no interior.


A organización, como bos anfitrións, xa recibiu os participantes na noite do venres no local Babel, para desfrutar dun concerto de samba da man de Fred Martins e Paulo Silva.  Os asistentes contaron con durmida para esta noite e a seguinte no propio recinto de celebración do festival.

Chegado o sabado para aló fomos tamén nós, aínda sen ter ben descansada a resaca do día anterior en Carballo. Cando chegamos o recinto a primeira actividade do día xa tiña comezado facia boa. Era un taller de percusión  afrobrasileira de 5 horas a cargo de Mario Pam, de Ilê Aiyê, que fixo un inciso na súa xira Europea para pasar pola Galiza. Tamén o día seguinte (domingo 2 a partires das 13:00h.) el sería o encargado de dirixir o pasarúas do macrobloco con todos os asistente o obradoiro, para facer tremer as pedras de Compostela. Mentres uns practicaban cos tambores, outros botábanse a danzar -tras os pasos de Nuria Carballido- e  outros tomaban o vermú. Como eran moitas horas de taller houbo que facer descanso para encher o bandullo, uns tomar un cafeciño e outros comezar coas primeiras cervexas do día, posto que os prezos non botaban para atrás!

A partir de media tarde deron comezo os espectáculos. Como é habitual no festival, tamén como unha das razóns da súa existencia, deron comezo os alumnos da propia escola de Tropico, a Prucupá. Máis desta volta a parte de ensinar o aprendido os dous módulos, houbo máis sorpresas. Este ano algúns dos temas interpretados contaron co acompañamento vocal de Alenya, Adrian Camaño "el Moro", Federico Crespo e Narci Rodríguez, este último tamén se animou coa guitarra.

Tras un curto espazo de tempo, como complemento fixeron unha exhibición de roda de capoeira con membros dos grupos Gicap e Iandé Capoeira. Tras eles chegado dende a Coruña, apareceu o Mago Charlangas, para entreter os máis novos e non tan novos.  O mago trouxo consigo o espectaculo de ilusionismo @Temporal, o mesmo o fai con cartas, con bólas e gobeletes, con moedas ou billetes. E veña a seguir sen parar, un espectáculo tras outro! Chegaba o momento dos vigueses Bloquinho Aperta. Este bloco que nace da Asociación de PERcusionistas e TAmborileir@s(A.PER.TA) creada no ano 2004, non hai ano que falte neste festival, cando menos ata o momento! A día de hoxe os seus espectáculos baséanse nos ritmos afrobaianos. Tras os vigueses veñen os de Arteixo, o grupo de percusión afrogalega Perfusión. Esta agrupación xorde dentro do colectivo A casa da leiteira hai un par de anos. Misturan dúas tradicións; a cultura Mandinga (os graves dos djun djun, os agudos dos djembés, algún canto tradicional asomando entre os ritmos) con algunha influencia do folclore galego (integran a frauta traveseira e a gaita). Tras estes tocaba cambio de terzo. Tocaba desfrutar do grupo tradicional galego fundado en Santiago no ano 1921, Cantigas e Agarimos, un referente na escena tradicional galega.  Despois de tantas horas escoitando tambores e demáis percusión esta formación, deu un respiro para relaxar un pouquiño o ritmo antes de subilo de todo. Era o momento dos únicos de fóra da Galiza, Gurús. Son unha asociación cultural de Burgos, que xa ten seis anos e se encarga da formación de ritmos e percusión afro e brasileira. Dende esta asociación pretenden sensibilizar o espectador do traballo que hai tras unha gran batukada.  A verdade que poden darse por satisfeitos, xa que se notasque o traballan. A pesar de que o material gráfico que acompaña non o mostra, hai que sinalar que este bloco tamén se centra moito no movemento, a parte de no musical, isto fai que o espectáculo visual fora o mellor de todos os blocos que pasaron por este Bate Batuke. E xa supostamente para pechar, outros coruñeses e outro cambio de estilo, a Patxaranga. É un proxecto paralelo da banda  Chotokoeu, que xorde dunha necesidade: poder actuar en salas pequenas e na rúa, sen precisar medios técnicos, tanto pasan dos medios que a batería improvisana cun plato e uns caldeiros! A patxaranga non se pode encasillar, xa que o mesmo lle mandan unha rumba, como un reggae, un swing ou o que se lles pase pola cachola, pero con tanto estilo ben dificil é que alguén quede sen moverse xa que hai para todos os gustos. Nesta ocasión conseguírono ben! Xa que o remate a xente pedía máis e máis. Antes dicía o de supostamente, porque si, rematar remataron, pero ao baixista non houbo quen o movese de alí ata moito despois cando quedou case sen cordas na guitarra. Conforme pasaba o tempo, uníanselle esporádicos, o mesmo se sumaban dous os micros, como outras collían as baquetas para aporrear caldeiros, ou outro uníase cun digeridoo... O certo é que a festa estaba sendo boa, e curiosamente este rapaz lembroume, sen ter nada que ver a o Cé, porque igualmente que a el daba igual o que lle pedisen, sabíaas todas. Os tambores e djembes foro outra vez gañando terreo e á miña retirada seguían soando mentres moitas non paraban de bailar africano...se queredes saber como rematou, preguntádelle a outro, que algúns tiñamos na cachola levantarnos ao día seguinte pra saír a rúa a berrar.

Aquí vos queda un vídeo-resumo:

E aquí un feixe de fotos do BateBatuke. Preme nelas para as ampliares.

Picasa user or album is not correct

Redacción e fotos: Lety GF

Vídeo: Cámara Lety GF e edición Carlos Gende

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto