Os Novos e Os Barbituricos, ao vivo no Rockin'swing

O pasado sábado 8 de febreiro cruzamos a ría para nos achegar até Vigo. O motivo era a presentación de dúas bandas compostelás que prometían: Os Novos e mais Os Barbituricos. Punk, rock, Samesugas, Ruxe Ruxe, Xenreira,...as referencias de estilos e experiencias dos músicos que compoñen estes 2 tríos apuntaban a nunha noite de bo punk-rock do país. E así foi. Vídeos do concerto no interior.

A cita foi no Rockin'swing. O novo local que aposta pola música ao vivo na cidade olívica está situado onde o antigo Berlín, na zona de Churruca. Os primeiros en subir ao escenario, uns minutos despois das dez e media foron Os Novos. Diante dun local que se foi enchendo pouco a pouco, os composteláns deixaron 45 minutos de punk rock sen descanso. Batería, baixo e guitarra que se reparten con solvencia a parte vocal. Aquí tedes unha mostra do que fixeron no escenario

Despois, tocoulles aos Barbitúricos. Vituco de Ruxe Ruxe e Xurxo de Xenreira ás cordas e ás voces. Atrás deles, alicerzándoo todo no medio do caos, Piedra ás baquetas. A banda ten presenza innegable e tocan un punk dacabalo da furia e a improvisación. Como debe ser o punk, vaia. Nalgún intre lembráronnos os Soak máis malditos -Que malo estoy!- ou incluso por veces o Leo. Porén, faltoulles acadar que a xente se decidise a bailar un chisco máis. Porque se a descarga sonora dos Novos dá para gozala no sitio o dos Barbitúricos só pode ter sentido cun pogo ao pé do escenario. Ben é certo que eles puxeron moito para conseguilo.

{fcomments}


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto