Dakidarría rebenta a Sala Máster no comezo da xira 2014

Dakidarría arrancou a xira de celebración dos seus 10 anos de vida, '10 anos na rúa', cun concerto en Vigo, na Sala Máster, o pasado 15 de febreiro. Para a ocasión, convidou a Los Kualkiera e a Liska a compartir escenario. Sala ateigada, con todo vendido en adiantada, e grande ambiente para unha boa noite de punk-rock e ska. Vídeos, crónica e fotos no interior.


Abriron a noite Los Kualkiera. Unha banda moi nova de punk-rock da cidade. Foron os encargados de ir quentando o ambiente a medida que a maré de xente ía enchendo paseniño o local. Con todo o que implica abrir un concerto destas características, deron captado a atencións de boa parte d@s seareir@s, que entre reencontros, saúdos e primeiras visitas á barra acabaron caendo na maraña sonora de Los Kualkiera. Formación tradicional -batera, guitarra, baixo e voz-, letras en castelán que falan da sociedade hipócrita e un son correcto. Porén, un chisco máis de posta en escea e de orixinalidade arredada do "canon" (si, tamén no punk o hai) darían o engadido preciso para Los Kualkiera non ser unha banda máis de punk-rock. Tempo e ganas non lles faltan.

Picasa user or album is not correct

Liska saíron a tocar coa sala xa chea -con Dakidarría ultrapasamos o concepto "chea" de lonxe- e demostraron que o traballo que vén realizando a banda nos últimos tempos dá os seus froitos. A entrada de Manolo na guitarra, os quilómetros que van collendo @s máis nov@s dos seus compoñentes ou o achegamento a un son propio están a perfilar unha banda potente. Ska sen concesións, alicerzado nunha sección de ventos de 4 compoñentes, colocados en primeira liña no escenario. Letras comprometidas, contundencia nos momentos precisos e desde logo unha banda moito máis "rodada" do que os Liska de hai un ano. Se as circunstancias persoais non o impiden -son 9 integrantes, co complexo que pode ser cadrar horarios, traballos, etc-, Liska vai dar moito a falar nos anos vindeiros.

Picasa user or album is not correct

Un par de temas de Liska no concerto

Os Dakidarría saíron ao escenario con todo a favor. Na sala literalmente non collía unha persoa máis, Liska deixoulles o ambiente no punto preciso e todo o mundo quería máis festa. A banda do Val Miñor non defraudou. Enchufados desde o primeiro momento, fixeron que todo fose polo aire. Até tal punto que sacar unha foto en primeira fila se converteu nunha actividade perigosa, pois practicamente todo o local era unha masa danzante que se movía adiante e atrás arrastrada pola música do grupo. Temos que recoñecer que retrocedimos á retagarda, onde @s máis veteráns gozaban do concerto cun chisco máis de acougo que a mocidade das primeiras filas.

Desde alí puidemos ver como a entrada do novo batería -Maki, batería de Obrint Pas, Banda Jachís ou Disidencia- que se estreaba esa noite non mudou nada o seu directo. Levados por unha grei que cantaba todas as cancións, Dakidarría encetaron do mellor xeito posible a xira que os ha levar a distintos puntos do Estado na primavera. Veñan 10 anos na rúa máis!

Picasa user or album is not correct

Aquí, un resumo en vídeo do concerto de Dakidarría

Fotos e vídeo: lavesedo

Texto: Saínza Murias

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto