Gran noite metaleira cos Machina no Aturuxo

'A Síndrome de Nerón' aterrou o pasado sábado 22 de febreiro en Bueu. Machina chegaron até a vila do Morrazo para mostrarlle ao público do Aturuxo o seu novo disco. Deixaron un directo de hora e media, contundente, traballado, que satisfaceu e que veu demostrar que os de Cerceda manteñen o bo momento que os fixo merecentes do Premio 'Martín Códax' na categoría Metal no 2013. Aquí tedes resumo en vídeo, fotos e crónica.


A fin de semana pasada a escolla dun concerto para ver a noite do sábado era complexa. E non porque houbese poucos senón porque a oferta era extensa e ben interesante. De feito, até o último momento Lady Chatarra no Rockin'swing de Vigo era unha moi boa opción, mais ao final ficamos máis perto da casiña e fomos até o Aturuxo para ver a Machina.

Como vén sendo habitual nos últimos 2 ou 3 meses, parece que hai un pouquiño máis de público nos concertos e Machina acabaron metendo bastante xente no Atu. E se ben a cousa comezaba un chisco fría, coa xente case acazapada ante o muro de son que saía do escenario, o certo é que aos poucos, Machina foi metendo no peto un público ben variopinto. Non é casual. O directo dos de Cerceda ofrece todo o que unha boa banda de metal debe ter. Alén da portentosa voz de Martín ou dos momentos en que a potencia instrumental de Machina se desata de vez, o que máis me gustou persoalmente foi a maneira en que saben transmitir a contundencia da súa música desde o escenario. As ganas que lle poñen e que contaxian con facilidade. Teñen o directo ben traballado, o que lles permite divertirse tocando e a furia coa que atacan as partes instrumentais non te deixa indiferente.

Os de Cerceda presentaron no concerto os temas do seu último traballo, 'A Síndrome de Nerón' publicado no outono de 2013, un EP de 5 cancións moi tralleiras que marcou o ton do seu directo, sen concesións apenas a pezas máis "melódicas" dos seus traballos anteriores. O que soou dos outros discos ía na liña marcada polo novo EP, moi rápido, moi metaleiro e coa guitarra de Gonzalo acaparando o protagonismo en moitas partes do directo.


En definitiva, concerto imprescindible para os amantes do metal e altamente recomendable para tod@s @s que, sen ser parte da grei metaleira, saben apreciar a calidade con independencia de estilos.

Lety GF estivo a tirar fotos. Eis a súa ollada do concerto:

Picasa user or album is not correct

E aquí, un resumo en vídeo con 4 ou 5 temas.

Texto e vídeo: Lavesedo

Fotos: Lety GF

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto