Sés na Reconquista de Vigo

Sábado 29 de marzo e dentro da Festa da Reconquista de Vigo, Sés achegouse por vez primeira até a cidade olívica. Nun concerto gratuíto, coa Praza do Berbés ateigada de xente, a cantante da Coruña deu un repaso aos seus 2 discos en máis de 2 horas de actuación. Aquí vos deixamos crónica e unhas fotos da "conquista" de Vigo por parte de Sés.

Non é desde logo a Festa da Reconquista o mellor lugar para gozar dun concerto. Trátase da "festa maior" dunha cidade orfa de Semana Grande ou semellante por mor da súa idiosincrasia de confederación de aldeas que contan, todas elas, con cadansúa festa. Así que hai xa uns 10 anos que a celebración do Vigo Vello está a mudar en festa de toda a populación da cidade, nomeadamente das xeracións de menores de 40 anos, xa maioritariamente nados e criados na cidade. Así que tiñamos un concerto gratuíto, cun público que levaba xa unhas horas -no mellor dos casos- degustando os licores e sabores dos postos que enchían a zona vella, varias actividades paralelas, bochinches de todo tipo montados case ao pé do escenario, etc. En definitiva, os ingredientes para que a presentación por vez primeira de Sés en Vigo pasase sen máis pena ca gloria. Porén, a coruñesa conta cunha lexión de seareir@s importante, que agardaban fieis desde as 21:15h a que todo comezase. E diante dunha praza chea a rebosar, Sés deu conseguido meter no peto non só seareiros senón tamén ese público casual que "pasaba por alí" e enganchou no directo da cantante. De feito, fomos testemuños de varias persoas que lle preguntaban ao persoal de escenario de Sés "E como dis que se chama a cantante?" ou que comentaban con retranca ao pé do palco "isto coóuselles...boa música e por riba con mensaxe".


Picasa user or album is not correct

En definitiva, un éxito alicerzado coma sempre na portentosa voz de Sés que, nas palabras dun músico de Cangas, fai maghas con ela e sabe adaptala á variedade de rexistros que precisa os seus temas. E non só nela, senón tamén nesa banda impresionante que a está a acompañar nesta nova xeira, guitarra, baixo e batería. Non inventan a pólvora coa súa mestura de rock con toques de música latina -aparentemente, ao vivo cada vez máis rock- mais a súa mestría fai que enchan de cor cada canción. Nomeadamente Calviño á guitarra, que ten moita culpa do éxito da formación.

Máis nada. Sés segue a largarlle os seus espiches entre tema e tema, -"canta ben, pero é moi feminista", dicían 2 cuarentóns vestidos con chupas de moteiros-, polo que non liga apenas nunca 2 temas ao directo -ao contrario do que fixo, obrigada polo tempo, no directo de Radio 3- mais o seu público, a cada paso máis numeroso, tamén gosta das reivindicacións e dos pensamentos que Silvar lanza ao ar.

{fcomments}

Texto e fotos: lavesedo

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto