Falperrys e Skandalo GZ no Freixo Rock 2014

Hai agora un mes achegámonos até o Freixo para asistir á segunda xornada do Freixo Rock 2014. Despois dunha época de intermitencias, semella que o festival do Freixo -no seu día, referente imprescindible no sur do país- volve con folgos. Éxito de público, cando menos na segunda xornada, bo ambiente e boas bandas para o rexurdimento do Freixo Rock. Aquí tedes vídeos, fotos é crónica dos concertos de Falperrys e Skándalo GZ

Cando chegamos ao Freixo, -a mudanza de localización fronte ao sitio "histórico" nos fixo dar unha voltiña de máis-, xa estaban os Skandalo GZ no medio do seu concerto. Sorprendeunos o bo son que daba a banda no escenario, moi mellorado con respecto a un concerto que lles miraramos hai varios anos, nos seus inicios. Cunha lexión de incondicionais nas primeiras fileiras coreando os temas -aos que se uniu gran parte do público cando foi a quenda das versións- os Skandalo GZ demostraron ser unha banda de ska, punk, con sección de ventos moi competente e apropiada para facer bailar a xente nos festivais. Alén das lóxica mellora que foron acadando co paso dos anos, o que máis nos sorprendeu foi a enorme presenza que teñen no escenario. Vese que gozan co que fan e transmiten moita enerxía ao público que, polo menos no Freixo Rock, soubo estar á altura e pasalo ben co ska-punk de letras comprometidas dos das terras do Condado. Aquí tedes unhas fotiños e un vídeo do que foi a súa actuación: 

Despois de acabaren o seu concerto os Skandalo GZ, saíu ao escenario do Freixo Rock o que para nós era o prato forte da noite. Os Falperrys, banda formada por compoñentes das míticas formacións punk-rock Skacha e Tiro na Testa, foron dos primeiriños en deixarse engaiolar polo irish punk no país e de certo os que mellor souberon captar a esencia deste estilo e transportalo ao noso país con xeito e éxito.

A cita era histórica pois Esteban, vocalista da banda, abandonaba o grupo co que se pechaba un ciclo nos Falperrys, que non desvelaron aínda se seguirán ou non en activo coa saída de Esteban. Falperrys foron debullando os temas da súa traxectoria -temas propios e moitas versións de clásicos de bandas irlandesas con letras re-escritas no noso idioma- e aínda houbo oco polo medio para algunha sorpresa, como a versión dos Skacha que a banda preparou en segredo para sorprender a Esteban ou o tema homenaxe a Manolo Mactamá, falecido o ano pasado, grande amigo dos Falperrys, do Freixo Rock e de todas as persoas que gostan do punk-rock na cidade de Vigo e no Morrazo.

Fotos, crónica e vídeos: Lavesedo

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto