Kepa, Caxade e Taquikardia en Cans 2014

Seguimos subindo á rede material gravado no Festival de Cans 2014. Pola aldea do Porriño pasaron este ano moitos representantes da música do país. Entre eles, Caxade que foi presentar os vídeos do seu proxecto en solitario, a Fanfarria Takicardia, que animou o torreiro o sábado pola tarde e Kepa Junkera, que foi até Cans para presentar o seu novo disco, Galiza. Estivemos con todos eles.

A Fanfarria Taquikardia chegaba a Cans despois de protagonizar un dos vídeos máis vistos da música galega deste ano. Viñan presentar o seu disco, Sístole&Diástole, e de paso facer beillar o torreiro de Cans. Abofé que o fixeron e até as actrices máis glamourosas que andaban por alí non puideron resistir o engado canalla desta fanfarria. Velaquí os tedes.

Caxade é unha formación que tamén se apoiou no audiovisual este ano. O novo proxecto en que se embarcou Alonso Caxade, (Orquestra Caramuxo, etc), é unha deliciosa mestura do folk galego con sonoridades pop que sorprendeu a tod@s cos seus magníficos vídeos. O que puido ficar nunha brincadeira dun temiña cun vídeo ben curioso acabou en proxecto musical a longo prazo. Cóntanolo el nesta entrevista e podedes comprobalo na segunda parte do vídeo, cun extracto do seu concerto no Jaliñeiro de Cans.

Kepa Junkera non é, obviamente, galego mais do seu maxín xurdiu un dos traballos máis importantes da música galega dos últimos meses. O vasco arrodeouse do mellor do noso repertorio tradicional e das mellores formacións do panorama folk e trad para argallar un traballo, Galiza, que é ao tempo unha homenaxe á nosa música popular e tamén a ollada dun euskaldún sobre a música galega. Falamos con el tamén e gravamos despois un anaquiño do seu paso polo Jaliñeiro. 

{fcomments}


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto