15 anos en boa Compañía

A Compañía do Ruído celebrou os seus 15 anos enriba dos escenarios cun concerto na súa vila, en Ribeira, no que colaboraron moitas das persoas que neste tempo pasaron pola formación inventora do punchi-punchi. Até aló nos fomos, a nos dar unha volta pola Festa da Dorna e podermos estar ao carón da Compañía nesta data tan especial. Fotos de Lavesedo e unha pequeniña crónica de S. Murias achégante o que foi o concerto polo XV aniversario da Compañía do Ruído.

O Capitán Chumeiras non daba feito. Ás 12 da mañá do 23 de xullo xa andaba polas rúas de Ribeira movendo valos, subindo fusibles e organizándoo todo. Non era para menos, a súa banda, a Compañía do Ruído, ía festexar o seu 15º aniversario e facíao na casa, na Festa da Dorna. Despois de horas de probas, das carreiras de carrilanas e do paso de todas as comparsas da Festa polo escenario chegaría a hora da Compañía. Teoricamente ás doce da noite, aínda que a cousa se foi máis alá da unha da mañá. Facer pasar todas as comparsas a cantar non foi doado e todo se atrasou un chisco. Por certo, os nomes das comparsas eran auténtica poesía retranqueira do país: The Lirios Tremens, Asedías que non Sargo, Os Pintos joden quintos,... e así con cada peixe ao que se lle poida quitar unha boa rima. Despois do paso de toda esa fauna mariña chegou a hora. Diante do escenario milleiros de persoas, moitas das comparsas que xa non se moveron de alí, bailaban e cantaban o repertorio da Compañía, que comezou tocando coa formación dos últimos anos, co Suso á voz e guitarra, Sabela á gaita, Andrés ás percusións e Vane na pandeireta e nas performances. A única mudanza foi a entrada de Alberto no baixo, antigo gaiteiro da Compañía, no sitio da tuba que viña tocando nos últimos tempos.

A banda foi debullando temas clásicos do seu repertorio, co Suso exercendo en todo momento de mestre de cerimonias, salferindo con anécdotas da vila mariñeira e as aldeas limítrofes todas as cancións, apresentando todos os colaboradores que pasaban polo escenario e controlando en todo momento o tempo do concerto. O primeiro en pasar polo escenario foi o rapeiro Tresu, para pórlle flow a "Falabarato". Despois foi a quenda dos de Trópico de Grelos. O bloco de percusión xa estivera de pasarrúas pola vila e ofreceu un chisco do seu repertorio no palco para despois marcarse unha samba coa Compañía. Tamén poidemos ver a Chiribitas Chamaquito Pistolas co eu saxo e tiñan previsto subir tamén Fran Regueira, Carlos Náufrajo da Barreira e maisos irmáns Ageitos para os últimos temas. Dicimos "tiñan previsto" porque tivemos que marchar antes, cousas de ir cunha crianza de 6 anos ao concerto e que a cousa se vaia alén das 3 da mañá, co que quedamos coa gana que tiñamos de velos de volta no escenario coa Compañía, especialmente o Tomás zoupándolle a batera, cousa na que se prodiga pouco desde que pasou aos mandos das mesas de son e do seu estudio. Quédanos o consolo de esperar polo vídeo do concerto que de seguro han publicar ou canda menos agardar polas fotos do blogue musicaengalego.blogspot.com que, coma sempre, estaba ao pé do escenario.

Máis alá do emotivo que era -e foino de vez- o concerto, quedamos coa sensación, malia marchar cando aínda restaba un chisco, do poderío da Compañía nun escenario e cun son como o que alí había. Os temas que convidan o baile, a mestría de Suso para empatar co público -se ben é certo que desta volta o tiña moi doado-, a impresionante calidade de Sabela na gaita, o punto que dan as percusións africanas de Andrés e o engadido de baile, voz e mesmo interpretación de Vane Bolboreta, mais a sobriedade no baixo de Alberto conforman unha proposta do melloriño para unha noite festivaleira. E así foi en Ribeira, afortunadas fomos as que o gozamos ao vivo...ou en streamin, pois foi emitido e imaxinamos que tamén estará dispoñible a gravación en liña dentro de pouco tempo.

TEXTO: S. Murias

FOTOS: Lavesedo

AQUÍ PODES VER MÁIS FOTOS



Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto