A festa dolorosamente pracenteira dos Festicultores

O Sadomusiquismo é a forma de obtención do pracer mediante o sufrimento de ter que facer o ridículo en público. E os máximos seguidores desta perversión sexual corrente filosófica son unha troupe creada terradentro, no triángulo máxico do entroido do país. Os Festicultores levan anos entre nós, espallando irreverencia a ritmo dos balcáns polos festivais do país. E agora, decidiron sacar un disco que recolle algún dos seus clásicos e mais unha decena de temas novos.


Os Festicultores Troupe apresentaron en Las Vegas o pasado 4 de setembro de 2012 o seu primeiro disco. Os sadomusiquistas, unha festa dolorosamente pracenteira está composto por 10 temas novos e 4 dos grandes clásicos dunha formación que leva 7 anos xa revolucionando o universo das charangas do país a base de música, festa e, como eles mesmos din, desinhibición cerebral. Os Festicultores son unha banda creada arredor do triángulo máxico do Entroido ourensán, -coa irreverencia, xa que logo, no seu ADN-, que se laia amargamente de o seu disco ser rexeitado para a súa distribución en sex-shops e gasolineiras. Unha formación que ten xirado xa por toda Europa, compartindo escenarios con Gogol Bordello, Manu Chao e xente como Kusturica ou Fanfare Ciocarlia, músicos balcánicos aos que o estilo musical dos Festicultores lles debe moito. Agora, veñen cargados cun “tsunami de endorfinas”, dispostos a liberar corpos e mentes a base da súa revolución musical creada a partir do doloroso pracer, o sadomusiquismo. Máis ca un estilo musical, unha forma de entender a vida, onde as azoutas, os beliscos e as dentadas se misturan cos riffs de guitarra. Coiro, látex e paixón que eles, retranqueiros, din ter levado xa aos maiores centros de perversión mundiais: a voda do príncipe Harry, o aniversario de Bob Esponxa ou as Xornadas Mundiais das Xuventudes Católicas.

Aquí tedes un vídeo dos Festicultores ao vivo na Carballeira de Zas o ano pasado, cando comezaron a xira sadomusiquista que agora culmina coa aparición do disco.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto