Miniaturas Musicais de Eugenio Granell

aCentral Folque en colaboración coa Fundación Granell presenta as Miniaturas Musicais de Eugenio Granell. Unha creación do cubano Alejandro Vargas sobre as anotacións musicais para violín, guitarra e gaita do propio Granell e que foron atopadas pola xente de aCentral Folque.


Eugenio Granell (A Coruña 1912-Madrid 2001) é un dos máis destacados pintores surrealistas do século XX. Nacido na Coruña, Granell comezou como político radical e músico. En 1939, tras o triúnfo de Franco, exilouse. Residiu en Francia, República Dominicana, Puerto Rico, Guatemala e Nova York. Foi grande amigo de Marcel Duchamp. En 1985 volveu a España, onde recibiu numerosos premios e recoñecementos e abriu a Fundación Granell en Santiago de Compostela.  A súa obra está presente nos principais museos de arte contemporánea: desde o MOMA de Nova York até o Reina Sofía de Madrid.

Aínda que destacou como pintor, Granell gañou a vida até os 40 anos como violinista e xornalista. Porén, se ben a súa traxectoria como artista plástico, escritor, cineasta ou dramaturgo foron postas en valor, restaba unha achega a esa faceta musical, que desde aCentral Folque, en colaboración coa Fundación Granell, ofrecemos nestas “Miniaturas Musicais de Eugenio Granell”. Nos fondos da Fundación atopamos máis de 200 anotacións musicais nunca divulgadas. Liñas melódicas de forte inspiración galega a partir dos instrumentos que coñecía: o violín, a guitarra e a gaita, coa que experimentaba ocasionalmente.

Música revelada

aCentral Folque encargoulle un traballo de nova creación a partir destas anotacións musicais ao maestro cubano Alejandro Vargas (premio Cubadisco de Jazz en 2008). A escolla dun jazzista caribeño, e de tímbricas como as da gaita e a zanfona, responden á ideoloxía e obra de Granell, moi interesado polo indixenismo e as músicas populares do seu tempo. Xa el na súa xuventude montara unha “orquestra de jazz” na Compostela dos anos 20.

O resultado para estas miniaturas musicais é unha banda formada por batería, contrabaixo, piano e voz, con colaboración de gaita, zanfona e viola. Unha proposta que vai máis alá da música, facendo uso da liberdade creativa de Granell para abrir as súas anotacións músicais, e as derivacións de Vargas, a improvisacións con raíz e a interpretacións cheas de cor.

A posta en escena destas Miniaturas musicais de Granell recorda o surrealismo mais non tenta imitalo. Os artistas dialogan co pasado desde o presente e fannos desfrutar del con todos os sentidos. Orixinalidade, virtuosismo e sinceridade son as principais características desta proposta musical.

Formación:
Alejandro Vargas (dirección, arranxos e piano)
José Manuel Díaz (contrabaixo)
LAR Legido (batería)
Mónica de Nut (voz)

Colaboradores:
Germán Díaz (zanfona)
Edelmiro Fernández (gaita)
María José Pampano (viola)

Esta é unha produción de aCentral Folque, en colaboración coa Fundación Granell e contando co patrocinio da Cidade da Cultura de Galicia e da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Aquí podes escoitar 3 temas do disco.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto