Un mundo perfecto e nada que perder

O pasado sábado 18 foi presentado na Capitol o último traballo de Ruxe Ruxe. No concerto, acompañados por Biribirlocke, deron un repaso aos temas do novo disco, nomeadamente, ademais de temas de Némesis e algún clásico. Mañá teredes a crónica completa do que alí aconteceu, con fotos e vídeo. Entrementres, aquí vos queda a crítica do novo traballo, realizada polo flamante novo colaborador de GZmúsica, Brais Arroutado Pangalaico. Que vos preste, paga a pena lelo. 

Se tivese un partido (un partido para non gobernar) sen dúbida que o primeiro que faría sería chamar ao Cortelho para que me fixesen as teses. Un ten a sensación de que o feito de que os Ruxe saquen discos como churros non é un capricho, moito menos un negocio, é a necesidade de explicar o mundo que os rodea, máis aínda de intentar cambialo, de bourar dende aquel recuncho situado no baixo dun bar de Aríns un mundo perfecto.

Non hei negar que me acheguei a este disco cun certo escepticismo, máis aínda logo de Némesis e da súa historia de enerxía,  carraxe e compaixón, dun disco que para min pasa por ser o grande esquecido da historia da nosa música. Se un grupo americano tivese publicado algo semellante sería cando mínimo unha icona contracultural elevada a mito nihilista. Pero xa dende o primeiro tema o disco é un ataque sen concesións, non deixa tempo á crítica nin a que vos explique aquilo de que o punk non naceu para contarvos que hai esperanza senon para rematar coa pouca que podiades ter. Un mundo perfecto non me deu nin un minuto a defenderme, desbotei esta idea en menos de trinta segundos.

Pouco a pouco funme asentando nas cancións, os ritmos xustamente calibrados para non esgotar o disco antes de tempo, a distorsión exacta das guitarras e un saxo que me recordaba os mellores Angelic Upstarts fixeron que na terceira canción xa me sentise coma na casa e aí coido que é cando un comeza a entender realmente o sentido deste disco. Na miña taberna é un deses temas que un só entende cando fai  traballo de campo, cando estivo no Calpe, no Vista Alegre, no Javichi e, sobre todo, no Victor, nalgún deses sitios onde se suceden as cuncas e os callos e se fala como se un soubese de todo ata que o camareiro te bota. E o bo deste disco é que lle sucede como as noites, que cando te botan dun bar sempre atopas un ao lado no que seguir a taladrarlle a cabeza a calquera. E así fomos pechando Refachos, Cancións ceibes ou Ven bailar.

O que vén despois é unha resaca, unha desas boas resacas nas que todo son intencións e vermús nalgunha terraza ao sol. Esa é a sensación que me da a canción que nuclea o disco, cunha das mellores guitarras dos catorce temas, parece como se o mundo perfecto do que nos fala non ocupase moito máis de trinta metros cuadrados, de aí tamén a curradísima e coidadísima edición gráfica con imaxes do satélite da NASA , como se dunha fiestra dende un satélite da zona vella, das Fontiñas, de Coia, de Upton Park ou de Monte Alto se tratase. No tramo final do disco destacan os ventos da man dos rapaces de Biribirlocke, o son das guitarras de novo en Nada máis, a gaita de Radio Xabral e o sentido finalista de Mundo feliz onde atopamos precisamente as intencións e a compaixón que tan ben funcionaban no final do anterior seu anterior traballo. As influencias son interminables, hai toques dos Social Distortion, hai algo de This is the first night de Anti-flag,  hai algo así como unha interpretación colorista de Johnny Cash, hai Clash como sempre houbo, hai música tradicional e ás veces mesmo parece que anda o Tim Amstrong poñendo a súa guitarra perpendicular tras os temas deste disco.

Dicía nunha entrevista Thom Yorke, cantante dos Radiohead (non todo ían ser punkis tamén) que as cancións para el tiñan importancia por ser como caixas onde a xente depositaba os seus recordos. Pois ben, o bo deste disco é que é de aplicación subcutánea, é algo así como cando te raspabas coas silvas de pequeño e despois tuabuela che boataba Betadine para cicatrizar, toca, e iso é o importante, faise útil como unha tese que poñemos en práctica e nos ensina formas de enfrontar os “monstros camuflados”, os “esqueletes con traxe” e os xigantes. Xa é luns, non perdimos a zamarra de milagro e os bos discos sempre son circulares, rematan polo principio e continúan. “Nada que perder, nada que perder, persegue os teus soños, nada hai que perder”.

Texto: Brais Arroutado Pangalaico

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto