Lume lento, Brosas e speed

O Taberneiro Lamentable volve deleitarnos cunha crónica gastro-musical. Lume lento, Brosas e speed, unha plegaria ao deus Lemmy ao ritmo dos seus discípulos burelaos. Porque en Burela sempre escampa mal e na Galiza o rock adn roll é doente. Le o artigo e de paso bótalle unha escoita ao discazo de The Brosas.

Co bo día que había onte e vai e mira como amence hoxe. E tampouco é para falar moito de amencer cando un acaba de levantar a persiana e o Casio da mesiña marca as doce menos cuarto.

Bo momento para rezarlle ao deus Lemmy. Miro os WhatsAps. Agardo novas dos dous colegas aos que convidei a xantar. A camisola das mangas cortadas aguantase ben e o pantalón curto e as chanclas tamén.  Abro a fiestra do cuarto para ventilar a cama aínda desfeita e vou até a cociña facer un zume de laranxa.

Polo camiño poño o disco dos The Brosas a dar voltas no reprodutor. O espírito do deus Kilmister pasea pola casa como unha pantasma pasada de speed. A placa de sheriff colga na cola da porta do baño. O camión da historia ven cara a nós acelerando e si, efectivamente, teño a sensación de estar bailando ao final dunha corda.

O palm mute de quintas séntame tan ben que me sinto como o fodido John Wayne coitelo en man e disposto a comezar a pelar patacas coma quen axustiza vultos a balazos.

 En Burela sempre escampa mal.  Na Galiza o rock and roll é doente. Satán agárdanos na súa gloria.

Entro en bucle e o tempo pasame rápido rápido. Canto ben fixo Lixo Urbano. Deixo de pensar un pouco e doulle máis gas de aquí ao final do disco. Lume.

Levo enerxía para unha semana.

Teño que escribir todo isto para mandárllelo aos de GZmúsica antes de que se me esqueza nada. Sento no ordenador, tecleo e doulle a enviar.

Encántame o primeiro disco dos The Brosas. Adoro ese tipo de xente que cuspe cancións importándolle catro carallos todo o que sexa alleo a facer rock and roll seguindo só os seus propios e fodidos criterios. Cuspir cancións doentes, berrar e bourar. A santa trinidade do rock and roll.

Auténticos. Enxebres. Sólidos coma puños de peso pesado encabronado. Un feixe de cancións moi pero que moi ben construídas.

Ah, e o volume a tope. Estou na segunda volta do cd e poño a tixola ao lume que estes pronto chegarán. A lume lento que de contrastes énchese a vida de maxia e, mentres, chego a Marte e remata o disco.

 Discazo.

TEXTO: Taberneiro Lamentable

FOTO: justay&smilephotography (tirada do FB do grupo)

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto