Deserto de Centos, a estrea de Sonia Lebedynski

Sonia Lebedynski vén de apresentar o seu primeiro disco en solitario, unha outra interesante proposta da música popular galega, que soou o pasado venres 26 de maio no Teatro Principal de Compostela, despois da première en Boiro, onde a artista mora, o pasado 8 de maio.

A que fora voz de Fía na roca comeza andaina en solitario, despois de colaborar nos últimos anos en diversos proxectos enfocados ao público infantil. Faino cun disco onde teñen cabida, nas súas propias palabras, as músicas que foi atopando na súa traxectoria musical. Así, a música tradicional e folc teñen un peso importante, mais tamén o funk, o pop e nomeadamente a música brasileira, non en van o “brasilego” Sérgio Tannus é peza importante neste novo proxecto, tanto na dirección musical do disco coma formando parte da banda que acompaña a Lebedynski, xunto a Carlos Freire (percusións), Roberto Comesaña (piano e acordeón), Martiño Domínguez (saxo tenor e barítono), José Manuel Díaz (baixo), Manuel Paino (trompeta) e Jose Luis Miranda (trombón). Para alén destes músicos, o traballo contén tamén a achega de diversas colaboracións de importantes nomes da nosa música, como Xosé Lois Romero, Guadi Galego, Uxía e Óscar Losada, en letras, músicas e arranxos.

Despois da festa de presentación en Boiro e do concerto do Principal de Compostela, Lebedynski ha comezar xira para levar o seu disco de estrea por Galiza. Porén, aínda non hai datas publicadas para podernos gozar ao vivo co disco –dispoñible para a escoita en sonialebedynski.com- e só podemos engadir o que a propia artista lles vén dicindo a quen preguntan por datas nas redes sociais: permanezan atentas á web.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto