Talabarte lévanos de viaxe co seu Fake

Talabarte publicou en novembro do ano pasado o seu segundo traballo, Fake. En formato CD+Libro, e cinco anos despois da súa estrea, o traballo reúne a música de Talabarte, os debuxos de P. Pastor e os textos de Carlos Meixide para nos propor unha viaxe a través de músicas e historias do folk europeo e americano. Falámosvos del un pouco e aínda que non poidamos gozar de textos e debuxos, si podemos escoitar tamén os 12 temas de Fake.

Fake, (Fol Música, 2016), é o segundo traballo deste trío nado en 2004, mais que publicou a súa estrea discográfica, homónima, no 2011. Os tres músicos xa tiñan coincidido en proxectos e escenarios e seguen a facelo na ducia de anos que levan de andaina, o que permite explicar o irregular que é a traxectoria do grupo. Porque Quim Farinha, Pedro Pascual e Kin García estiveron ligados a moitos dos proxectos capitais para a música folk galega dos últimos 25 anos. Berrogüetto, Marful, Susana Seivane, Rodrigo Romaní, Fía na Roca, A Banda das Crechas, os d’Abaixo, Uxía Senlle ou Crema de Gaita entre moitísimos outros contaron ou contan aínda con seu talento, ben como membros do grupo ben como colaboradores.

Talabarte, o proxecto que os uniu no 2004 e co que agora presentan novo traballo, é unha proposta instrumental na que se xuntan o violín de Farinha, o contrabaixo de García e o acordeón diatónico de Pascual para percorrer as músicas populares do noso país e visitar tamén outras tradicións, nomeadamente do noso continente aínda que Fake se vai alén do Atlántico algunha vez. Ritmos bailables, mazurcas, tarantellas ou milongas que son interpretados desde un enfoque moitas veces jazzístico e que nos trae fulgores de todas esas bandas polas que pasaron os integrantes do trío.

O novo traballo publicouse o 18 de novembro, nun formato de CD+libro. O disco, cos 12 temas que conforman Fake, e mais o libro, 50 páxinas con debuxos de P. Pastor e textos de Carlos Meixide, forman un conxunto que compila historias fascinantes, nadas nese neboeiro máxico onde se mesturan realidade e imaxinación para crear a tradición… ou os fakes. Historias surrealistas que serven de fío condutor para a viaxe que Talabarte nos propón neste disco, percorrido pola música tradicional europea cos chimpos alén do Atlántico dos que gosta o trío. Unha viaxe que ten saída no país, en Bergantiños, en Ons ou Laza para viaxar até Escandinavia ou América, e na que hai espazo para Prisciliano, Orson Welles ou os OVNIs. Xa a escolla da Fundación Granell para a presentación do traballo foi unha chiscadela clara ao surrealismo que de certo ha seguir presente nos concertos que van dar nas vindeiras semanas, levando as súas historias por lugares singulares que transformarán momentaneamente en auditorios.

Pégalle unha escoita ao disco!

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto