aCadaCanto, arte efémera na encrucillada

O proxecto que Guadi Galego, Xose Lois Romero, Xabier Díaz e Guillerme Fernández ergueron esta primavera, aCadaCanto, rematou a finais do verán a xeira de concertos que percorreu o país. Os seus integrantes seguen camiño, escollendo en cada encrucillada o seu carreiro, e con certeza han encontrarse de volta. Entrementres isto acontece, podemos gozar co fenomenal disco que compuxeron.

Galiza é terra de encrucilladas. De cruzamentos de camiños que os devanceiros inzaron de cruceiros, temerosos do demo que seica asexaba en cada un destes cuadrivios. Aínda hoxe, malia sermos unha sociedade que maioritariamente refuga de todo o que ole aos vellos tempos, mantemos estrañas inercias que nos dificultan mudar o noso rumbo na vida. Unha repulsión innata pola incerteza e o descoñecido que nos describe como pobo, de certo con maior exactitude ca eses clixés decote outorgados. Non abonda só con nos observar con detemento, quizais haxa tamén que nos entender para se decatar de que non somos amigos da incerteza. De aí veñen as nosas reticencias.

Porén, aqueles de entre nós máis afoutos, as persoas que si gostan de se aventurar na encrucillada polo carreiro ignoto, adoitan deixarnos mostras das nosas posibilidades colectivas cando nos afastamos de vez das vellas andrómenas alicerzadas en fisgas, males de ollo e longas invernías. Romero, Díaz, Galego e Fernández son desa raza afouta. Córrelles máis a cabeciña ca o almanaque, -como diría X. Souto-, e decidiron hai anos non continuar un só carreiro para tripar a vida. Porque Xosé Lois, Xabier, Guadi e Guillerme saben de encrucilladas, aprenderon delas enchoupándose do noso. Saben da nosa reserva cara ao descoñecido, mais tamén saben ben que hai encontros inevitables, como a auga dos regatos que se confunde nos ríos cando chega á baixa dos vales. E isto é o que é aCadaCanto.

Estes catro nomes senlleiros da música galega do século XXI, -por formaren parte de Berrogüetto, Espido, Nova Galega de Danza ou Nordestinas-, levan tempo entretecendo os seus talentos nos proxectos que nacen ao socairo do selo discográfico artellado no 2005 por dous deles, -Xabier Díaz e Guillerme Fernández-, Músicas do Salitre. Mais nunca antes se cruzaran os catros simultaneamente, nunca antes se xuntaran nun cuarteto como o que formaban os Gaiteiros de Soutelo...ou os Beatles. Tamén catro foron os Trinta de Trives ou os Sex Pistols, pero aCadaCanto decide citar aqueles cando quere exemplificar a forma tradicional con que se apresenta. Porén, e malia agromar desde a tradición e empregar guitarra e acordeón para crear melodías e harmonías sobre as que esvaran as palabras, a música deste cuarteto lévanos ás sonoridades da outra banda do océano con frecuencia. Hai algo nesas pezas apenas recitadas, onde as voces de Galego e Díaz fican penduradas das frases que Romero debuxa no acordeón, que nos lembra a música popular brasileira. E tamén latexan as cadencias norteamericanas noutras ocasións, como se Guillerme tocase a guitarra á beira do Mississipi mentres Guadi e Xabier lle cantan ao desamor.

Desgrazadamente, e como todo o bo, aCadaCanto é un proxecto efémero. Apenas unha unión temporal, e non só de intereses, senón tamén de sensibilidades, todo o contrario ao que nos ten acostumados o mundo actual. Sacaron o seu traballo en maio deste ano. Estiveron a tocar por diversos lugares do país durante o verán, o último do que tivemos noticia foi o mosteiro de Carboeiro, en Silleda, o derradeiro día do mes de agosto. Agora, de consultarmos a musicasdesalitre.com, só atopamos concertos de Tres Peixes Voando, en novembro no pub D’Antón na Laracha e no Aturuxo de Bueu, unha outra mutación da factoría do salitre. Outra encrucillada, radiofónica esta, na que andan enleados. Aparentemente, o camiño de aCadaCanto rematou. Porén, como eles gostan da incerteza, como foxen da rotundidade e saben que en cada reviravolta o camiño halles traer novas encrucilladas, ninguén dá un adeus definitivo. Obviamente, quedamos coa posibilidade de gozar da súa arte en formato CD. Iso si, non o podemos ir buscar en grandes superficies nin cousas semellantes. Só o puxeron á venda en lugares onde se valore o que fan, lonxe do anonimato mercantilista do mainstream.


TEXTO: lavesedo

FOTOS: culturagalega.org

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto