Seguiremos sendo

Os Skarmento festexaron no Deza os seus quince anos enriba dos escenarios. Foi en setembro e alén do concerto conmemorativo tamén aproveitaron a data para tirar do prelo Quince anos é media vida, un libro que conta estes anos de andaina. O Brais Arroutado cóntanos o que significan -e significaron- os de Donramiro na vida dun adolescente galego, deses que xogan fútbol nos descampados sabedores de que o Dépor é o seu West Ham. 

Backspace e todo o que escribín vai á merda, non son quen de sobrevivir aos invernos, sempre poden comigo. Teño diante miña dous discos de Skarmento e o seu libro Quince anos é media vida e non son quen de escribir algo de verdade sobre eles, manda carallo, e despois din que o papel o aguanta todo. Podes mentirlle a quen queiras, aos colegas, á familia, á túa parella e mesmo a ti mesmo se queres e todo iso pode ser ata certo punto soportable. Pero se mintes cando escribes quedas en evidencia, non tes punto de gravidade e caes coma se nada.

Quizais fose iso o que me pasaba naquel inverno no que adoitaba botar máis tempo na parte de arriba da mítica discos Gong da Praza de Galicia que na miña propia casa e, de seguro, que no instituto. Aquel ano atopei alí un poster dos Skarmento que anunciaba o seu segundo disco, agardei a que algún dos meus avós me dese a paga quincenal e merqueino. Pásame algo cos Skarmento que non me pasa con moitos grupos, resiste o paso do tempo e sobrevive aos invernos bastante mellor ca min. No seu Música anti-sistema souberon dispararme no sitio xusto e no momento necesario para o que buscaba, rachar con todo sen ter que pagar ninguna indemnización por danos materiais. Facíao cada tarde berrando e facendo que tocaba a guitarra e a batería mentres se embafaban as xanelas do meu cuarto. Pero non quedou en algo adolescente, non quedou naquelas ganas de rachar con todo, os anos pasaron e descubrín que me parecía máis a Woody que a Shaun e que Skarmento eran os meus Cockney Rejects igual que o Deportivo era o meu West Ham United.

Dalgunha forma iso é o que eles mesmos contan neste libro, unha historia de vida, das súas vidas e das nosas vidas. Todas as anécdotas e todos os pasos que foron dando ata chegar a estes quince anos fieis a eles mesmos e a nós. Porque se algo é resistente na discografía de Skarmento son as súas historias, moitos grupos din aquilo de que as súas cancións falan do que os rodea pero non sei de que carallo estarán rodeados eses grupos. A min as tardes de fútbol cos colegas do barrio nas que as columnas eran paus da portería sen longueiro e non se valía furar sóanme a Seguiremos sendo e aquelas mañáns nas que me erguía cedo para coller o metro e ir traballar na miña escasa experiencia laboral eran como sentirme unha personaxe máis de Afía os cotenos porque ao fin e ao cabo o punk, xa sexa Oi! ou calquera outro apelido que lle queiramos poñer, vai diso, de sentirse orgullosas dunha clase ou dun pobo e da humanidade que iso implica, da tenrura de erguerse cedo para ir traballar, de tirar cara adiante pese a todo, das formas de subverter o significado dunha Ben Sherman  ou unha canción de Silvio Rodríguez, dos recordos coas colegas nun concerto, arredor dunhas cervexas ou berrando nas bancadas dun estadio. E a quen lle falte glamour hipster nesa cotidianeidade sempre terá ás Nancys Rubias para complacelo.

Hai un documental francés que reproduce o experimento de Milgram na sociedade do espectáculo actual e que mide o grado de obediencia das persoas ao ter que accionar unha panca de tortura nun concurso de televisión. Os Skarmento foron como negarse a accionar esa panca, manterse firmes nun mundo convertido en plató de televisión, converter a cotidianeidade de ser quen somos nunha forma extraña de beleza. Xa non teño quince anos, agora tenos Skarmento, xa non existe discos Gong pero sigo igual de perdido ca sempre nas tendas de discos desta vella cidade, alí me ides atopar, desfrutando do camiño coma din que desfrutaron Chispón, Rubén, Ángel e Adrián, sen accionar a panca e así, seguiremos sendo.

No Bandcamp de Skarmento podes escoitar todos os seus discos, como o estupendo Afía os cotenos

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto