A voz do vento, libro-CD homenaxe da Mesa a Manuel María

A Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei, acolle mañá sábado 12 de marzo ás doce do mediodía, a primeira presentación pública do libro - CD "A voz do vento", editado pola Mesa pola Normalización Lingüística, con poemas de Manuel María, música de Fran Amil e a tribo incomprensíbel -Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás- e ilustracións de Jano.

O libro componse de 11 temas extraídos dos libros Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas que conta coa voces de Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belén Tajes, O Leo, M. J. Pérez e Xosé Antón Bocixa no apartado sonoro.Segundo sinalou o autor das músicas, Fran Amil, “é unha escolma de All Stars do país” e “unha especie de catálogo de historia pre-pos-bravú”.

A voz do vento, libro–CD editado pola Mesa pola Normalización Lingüística en homenaxe a quen “foi un escritor absolutamente comprometido con Galiza e co seu idioma, tamén a través da Mesa pola Normalización Lingüística” segundo sinala o seu presidente, Marcos Maceira, “ponse música a poemas que van do intimismo ao compromiso a través de diversos estilos contemporáneos que pretenden chegar a todos os públicos mais dun xeito especial ao público xuvenil”.

O disco está á venda en librarías e na tenda on-line da Mesa. Xa se pode escoitar tamén un dos temas "Ollei misiles con radar".

O acto contará coa actuación musical de Fran Amil e nel intervirán tamén o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; o presidente da Mesa, Marcos Maceira; e Jano, ilustrador do libro.

FONTE: terrachaxa.com

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto