Revista e novos temas na maioría de idade do Xabarín

O pasado día 10 de agosto, a iso das 12 da mañá, Agalip presentou na feira do cómic da Coruña o seu novo proxecto, Oink! Unha revista infantil, pensada para os pequenos da casa que busquen unha publicación diferente. Ademais, a estrea desta nova publicación vén da man da volta dos videoclips ao Xabarín Club da TVG, con Xenderal e Lydia Botana como primeiros dunha serie que esperamos continúe axiña. O porco bravo vén de facer 18 anos e semella recuperar folgos...E ti, xa es do clube?

A nova revista será divertida, dinámica e, aínda que non o noten, educativa. É un proxecto 100% galego, pensado para axeitarse á nosa realidade e para mostrar aos máis cativos a riqueza de todo o que os rodea. Este Nº 0 que nos presentaron dedicárono á banda deseñada. Para dar vida os personaxes contarán con: Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno e Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto. O 1º número sairá en setembro. Poderá atoparse nos quioscos ao prezo de 3€. Será unha revista mensual de 56 páxinas, que irá  dedicada a nenos de entre 6 e 15 anos. Tamén haberá espazo para contidos editoriais: Reportaxes, artigos, entrevistas, novas... E terá cabida dende arte, deportes, ciencia até historia ou tecnoloxía. "Queremos lembrar o que moitas veces esquecemos: os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles. Só fai falla tratalos coma persoas que son e darlles os recursos que precisan para sacar todo ese potencial", asegura Marcos Ferreira, director de Oink!

Pero agora imos ao noso! Nesta cita tamén se presentou o 1º dos novos temas que van saír no programa. Por se non sabedes, fai que non se grava nada novo para o Xabarín dende o 99! Así que andade ao loro... que antes do que esperades xa veredes o novo vídeo. Con subtítulos por embaixo coma sempre. Así era que sempre sabiamos todas as cancións!!! Máis dunha decada pasou, que se di pronto! Pero xa podemos coñecer un novo tema para o xabarín. Desta volta foi da man de Xenderal. A este cercedense xa volo presentamos nalgunha ocasión, aínda que igual como Gendebeat, se queredes escoitar ragga da Galiza xa sabedes. Foi acompañado pola polifacética Lydia Botana coa melodica e os coros. M. Ferreira comentounos sobre artista que demostrou a súa calidade con creces e superou as súas espectativas, "coido que será outro dos temas que a xente lembrará por anos." Xa o xulgaredes vós cando poidades escoitar a canción gravada e instrumentalizada pola banda Bolboreta.

Só vos podemos adiantar que xa teñen algunha outra banda para os vindeiros números. Máis será a sorpresa de cada mes. Non vaia ser que con todo de golpe despois de tantos anos empachamos! O equipo que se encarga de seleccionar os grupos participantes non dá abasto coas bandas que se interesaron polo proxecto. Os únicos requisitos son: que compoñan temas orixinais, non sexan versións, e que se perciba o seu talento e mais as súas capacidades. O uso do galego dáse por feito. Sobre o de centrarse nun estilo, pensan que "a rapazada ten que saber que en Galicia se compón música de moitos xéneros, hai moito talento na nosa terra!" Así que nada, a  gozar co 1º adianto que pouquiño a pouco vai aumentando o repertorio xabaril!

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto