Cantos na Maré íntimo e rosaliano este sábado en Pontevedra

Cantos na Maré trae este sábado a Pontevedra a súa edición máis lírica e intimista. Amancio Prada, Vitor Ramil, Gabriela Mendes, Luiz Caracol e Budiño, baixo a dirección artística de Uxía e musical de Paulo Borges, farán unha nova lectura de Rosalía de Castro, reinterpretada á luz dos problemas de hoxe. O concerto compleméntase cunha serie de actividades paralelas dirixidas a público en xeral e estudantado.


A úndecima edición de Cantos na Maré, Festival Internacional da Lusofonía, chega a porto este sábado, 11 de xaneiro. No Pazo da Cultura de Pontevedra, moitas voces cantaranlle a Rosalía de Castro. Como peche do ano rosaliano, Amancio Prada (O Bierzo), Vitor Ramil (Brasil), Gabriela Mendes (Cabo Verde ), Luiz Caracol (Portugal) e Budiño (Galicia) farán unha nova lectura da nosa poeta, reinterpretada á luz dos problemas de hoxe. Cántaranlle tamén a outros autores da lusofonía, facendo da poesía o centro deste concerto único e irrepetible. A mesma lingua, pero de moitas cores, unida unha vez máis baixo a dirección artística de Uxía e a dirección musical de Paulo Borges.


Alén dos máis coñecidos Amancio Prada, que apresenta a súa revisión máis recente da nosa poeta, “A Rosalía de Federico” e Budiño, nesta edición poderemos gozar de Vítor Ramil, de Río Grande do Sul (Brasil), que visita por primeira vez a terra dos seus antepasados galegos. A súa música ten milonga e unha tradición sureña, que entronca con Arxentina e Uruguai, de harmonı́as abertas e melodı́as hipnóticas.

 


A mestizaxe afro-lusa ten tamén un oco neste Cantos na Maré da man de Luiz Caracol, artista revelación de Portugal. De raíces angolanas, ten na pel e na voz resgada a pegada de quen andou moitos camiños tocando o baixo, a guitarra e o cavaquiño ao carón da súa 'mana' Sara Tavares. 

Por último, Gabriela Mendes devólvenos o gusto pola música cadenciosa e sedutora de Cabo Verde. Leva tatuadas no corazón a mora, a coladeira e o funaná, que espertaron nela o pracer de cantar nas noites de 'tocatina'.



Actividades paralelas
Cantos na Maré é moito máis que un festival e este ano propón unha serie de actividades paralelas ao concerto organizadas xunto con institucións cun importante peso no espazo urbano de Pontevedra, como é o caso da Universidade de Vigo. Varias destas actividades están dirixidas a público xeral e son de acceso libre ata completar aforo. Así mesmo, haberá diferentes sesións prácticas especialmente deseñadas para estudantes de ensino primario e secundario, alumnado de escolas de música e conservatorios, estudantes de imaxe e son e universitarios. Todas estas son de balde.
Para público xeral
Este venres 10 de xaneiro ás 20:00h haberá unha charla musicada con Amancio Prada en torno ás figuras de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Será na Casa das Campás e os asistentes a este encontro terán a oportunidade de gozar dun momento íntimo con este artista, que contará e cantará a estes dous poetas que tanto o inspiraron no seu traballo.
Rosalía tamén estará presente noutra charla na Casa das Campás que pretende afondar na relación entre música, poesía e artes plásticas a través de dúas obras: o libro-disco Rosalía pequeniña de Uxía Senlle, con ilustracións de Marina Seoane, e o libro-disco Na lingua que eu falo de Najla Shami, con fotografías de Ainoa Calvo. Será este xoves 9 ás 20:00h e os participantes terán a oportunidade de desentrañar con estas catro artistas o proceso creativo destas obras. Ademais do público xeral, esta actividade vai dirixida a músicos, ilustradores, fotógrafos, outros artistas plásticos, escritores e estudantes de Belas Artes, de Comunicación Audiovisual e de Educación Musical.
Cantos na maré acolle tamén a presentación do Songbook e o disco Foi non mês que vem do músico brasileiro Vitor Ramil. Ambas as dúas obras presentaranse nunha emisión especial do programa Tres peixes voando da Radio Galega, dirixido por Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Será na Casa das Crechas mañá mércores día 8 de xaneiro ás 20:30 e a entrada é de balde previa reserva de invitación en Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .
Para estudantes
Durante os ensaios do concerto desta edición desenvolverase unha sesión práctica de son, iluminación, produción técnica e estruturas, impartida por profesionais experimentados nestas materias. Esta actividade está dirixida a estudantes das escolas de imaxe e son de Galicia, e pretende ser una ferramenta para a súa capacitación profesional, ofrecédolle unha experiencia real nun evento musical único.
Por último, os estudantes de primaria e secundaria terán a oportunidade de asistir a unha demostración didáctica cun dos músicos invitados a Cantos Na Maré 2014: Xosé Manuel Budiño. Unha experiencia vibrante onde poderán coñecer algúns instrumentos, as diferentes sonoridades que poden conseguirse con eles e as emocións que poden expresarse a través da música.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto