Concerto da xira "Comer y ladrar"

O pasado venres 14 de marzo, cruzamos a ría e achegámonos até un dos concertos da xira "Comer y ladrar" dos Barrankillos, con Bolboreta de artista convidada, na sala "La Fábrica de Chocolate". O día previo ao concerto tivemos un percance coa cámara de video que iamos levar, así que os vídeos que desta volta vos traemos son moi pero que moi escuros, pero polo menos escóitanse bastante ben.

O concerto programado para as 9 e media da noite comezou con algo de retraso, mais non moito. Coma a última vez que fun, non se miraba moito movemento de xente, aínda que xa ía sendo hora de que Bolboreta subise ao escenario. A coruñesa traía consigo para acompañala dous músicos que non son os que estamos habituados a ver con ela ao vivo. Á batería e coros, Kaze, ao baixo, Carlos Santos, e co teclado e a guitarra, a voz cantante en ambos os dous sentidos, Lydia Botana. Lydia aínda se vén recuperando dun accidente que sufriu surfeando no Nadal, o que foi a causa de que se ultimamente se centrase nos concertos para nen@s  "De aquí para alá", mais tamén vaia probando novos músicos e sobre todo xa traballe no que vai ser o seu 1º disco. Xa está gravando a maqueta e coa produción comezada, será un disco da man de Gambeat (Mano Negra, Radio Bemba entre outros) e gravado dacabalo entre A Coruña e Barcelona. Despois deste desvío voltamos ao concerto que se non imos pola nubes... O concerto deu comezo coa canción "Irmaos", coa letra de Celso Emilio Ferreiro. Tamén tocaron outras, como un par de temas novos, un en inglés e outro que di "nunca choveu que non escampara" cousa que algúns xa comezabamos a dubidar.... tamén unha versión de Bob Marley misturada con outras verbas de Celso Emilio, e "Quen nos queima" e "corazón de ferro" das que podedes escoitar un anaco no video.

Picasa user or album is not correct

Tras unha hora de concerto aproximado ían prepararse os Barrankillos. Estes viñan dende algo máis lonxe, dende Santa Coloma de Gramanet (Bcn), pasaban pola Galiza para presentarnos o seu 2º disco "Comer y ladrar". Xa cando vai 2 ou 3 anos se pasaron por aquí para presentar o seu 1º disco "El barranco pelón" fomos velos, e como quedamos contentos pois aproveitamos para voltar sen necesidade de ter que mudarnos de provincia. Desta vez a parte do mesmo bateríita, percuta, baixo, guitarra e cantante, atopámonos con dous compoñentes máis, trompeta e trombón, que sempre queda "moito bene" na mestizaxe ter algún vento. Non teño idea do que durou o concerto porque nin vin para o reloxo, estaba bastante máis entretida vendo o bo rollo desta banda, que nos tocaron gran parte do repertorio de ambos os dous discos (no vídeo tedes un de cada) e deixaron claro a súa posición respecto ao presidente do goberno que vai totalmente acorde coa de moitos de nós, non a direi aqui non vaia ser que GZmúsica teña unha multa pola miña culpa! jajaja. A verdade que é unha pena ver que nas salas en xeral e sexa o estilo que sexa hai pouca xente... mais por outro lado párome a pensar un anaco e é que despois vemos outros grupos que fan algo moi parecido, pero con nomes máis coñecidos que nos sablean cos prezos das entradas... e aínda por riba o pasamos fatal do agobio. Ben, a min que me tiren o bailado que me vou polas ramas outra vez, polo de agora estes rapaces convencéronme por segunda vez coa enerxía que desprenden no directo, e coa voz resgada do seu cantante.

Picasa user or album is not correct

VÍDEOS

Un anaquiño dos concertos de Bolboreta e Los Barrankillos:

Fotos, vídeo e crónica: Lety GF


Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto