Sofía Espiñeira gaña o II Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’

A cantautora compostelá impúxose a outros sete finalistas na gala coa que rematou o concurso. Pilar Martínez fíxose co accésit  do público á mellor canción e a propia Sofía levou o accésit á mellor artista. Agora a polifacética cantautora -con experiencia no teatro, danza contemporánea, claqué, circo, etc- terá a posibilidade de gravar un EP e de facer unha xira de presentación, para alén de ter paga a cota da Asociacíón de Músic@s ao Vivo por un ano.

A compostelá Sofía Espiñeira foi a vencedora da segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'. O director artístico do evento, Xoán Curiel, salientou que o xurado tivo un labor “difícil” polo “elevado nivel” dos oito artistas que chegaron á fase final do concurso. Pola súa banda, Pilar Martínez fíxose co accésit á mellor canción, mentres que a propia Sofía Espiñeira gañou tamén o premio do público á mellor artista.

Carme Hermida, concelleira de Cultura e membro do xurado, destacou que Sofía Espiñeira gañou o certame “por ter sabido tocar un instrumento, a guitarra e, ao mesmo tempo, ser quen de focalizar tamén a atención na súa voz”.

Ademais de Hermida, formaron parte do xurado Najla Shami, unha das artistas galegas máis coñecidas, representando á parte artística; Juan Torreiro, en representación da prensa especializada e Inés Portela, xestora cultural en Mada Producións, representando as industrias culturais.

Como premio, Sofía Espiñeira vai ter a posibilidade de gravar un EP. Ademais, disporá dunha serie de concertos e de promoción dese primeiro traballo discográfico, así como un ano de socia na Asociación de Músicos ao Vivo.

Premios do público
Xoán Curiel sinala tamén o “importante apoio” dun público “moi participativo” que concedeu dous accésits que recaeron na propia Sofía Espiñeira como mellor artista e en Pilar Martínez pola mellor canción polo seu tema ´Pensando en ti´.

Por último, o director artístico agradécelle á organización, o Concello de Teo, aos patrocinadores —Secretaría Xeral de Política Lingüística e Gadis— e ás entidades colaboradoras, tales como a Asociación de Músicos ao Vivo, entre outras, a súa implicacion, sen a cal «non sería posible este evento», salienta.

A gañadora
Esta compostelá está vinculada ás artes escénicas desde moi nova. O seu primeiro contacto coa formación musical foi no conservatorio, onde estudou catro anos e obtivo o grao elemental co clarinete como instrumento. Despois, e xa de maneira autodidacta, comezou coa guitarra e o acordeón.

Actualmente posúe alta formación noutras artes escénicas como a danza contemporánea, claqué, teatro, clown, circo e nocións de danza africana. Ademais, está a se iniciar no mundo da nosa música tradicional coa aprendizaxe da pandeireta. Ten realizado varios concertos en distintos locais como cantautora. Comezou a compoñer ao redor dos dezaseis anos.

FOTOS: Juan Luís Rúa

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto