O folk na tradición máis celta de Luar na Lubre e mais o ska-reggae eúscaro de Esne Beltza son as primeiras confirmacións para a vixésimo cuarta edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo. O festival, con entrada de balde e organizado por asociacións sen ánimo de lucro da vila soneirá, lembra o asalto ao castelo de Vimianzo que o pobo das Terras de Soneira realizou hai 550 anos no marco das Guerras Irmandiñas.


Coa música máis tradicional e os ritmos folk máis actuais vai comezando a soar o XXIV Asalto ao Castelo de Vimianzo. A organización da festa irmandiña da Costa da Morte vén de anunciar o primeiro adianto de grupos da noite de concertos do sábado 6 de xullo. O gran referente Luar na Lubre e os vascos Esne Beltza crearán un gran ambiente musical e multicultural para acompañar a tradicional toma do castelo de Vimianzo a medianoite. A festa conclúe nesta edición a conmemoración dos 550 anos da guerra irmandiña (1467-1469), lembrando a propia derrota do pobo por parte dos poderes feudais.

Luar na lubre

Desde o seu nacemento en 1986, a banda musical Luar na Lubre forxou unha fulgurante carreira que os levou a percorrer algúns dos mellores escenarios do mundo representando a Galicia e sendo a súa icona musical recoñecibleinternacionalmente. O seu característico son emerxe das raíces tradicionais galegas, coa recollida e recuperación de cantares, sons, melodías e instrumentos ancestrais, mesturando en ocasións esta base coa coñecida como “música celta” e a doutros pobos. Con 18 discos publicados, o seu último traballo Ribeira Sacra no que se inclúen colaboracións de renome, como coas que vén contando ao longo da súa carreira (Víctor Manuel, Ses, Marisa ValleRoso...), naceu no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) e pon en valor a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio. Ademais deste traballo, a banda liderada por Bieito Romero repasará en Vimianzo grandes éxitos do grupo. Será a segunda vez que visiten o Asalto (estiveran tamén un 6 de xullo en 2013), pero desta vez a cita será máis emotiva coas novas incorporacións soneirás á banda: a voz da vimiancesa Irma Macías e o violín de Antía Ameixeiras.


Esne Beltza

Escoitar a trikitixa (acordeón vasco) mesturada con sons electrónicos ou de cumbia é toda unha animada experiencia á que o grupo Esne Beltza convida. A banda defínese como “unha cocteleira de cores da música vasca”, coas súas diversas influencias que van desde o hip hop, o reggae, o soul, o rock ou o folk. Desde a súa formación en 2007, contan con sete álbums publicados. O seu último traballo Ni, producido por Mark Da Sousa, está cheo de ritmos bailables, múltiples colaboracións e unha mensaxe de liberdade sobre as persoas transxénero. Durante a súa carreira teñen contado coa colaboración de recoñecidos artistas como La Pegatina ou El Canijo de Jerez.


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.