Susana Seivane, Tanxugueiras ou Dakidarría, principais propostas deste ano no veterán festival das Terras de Soneira. Korrontzi ou Celtic Social Club porán a nota internacional nunha festa que segue a apostar por unha oferta para todas as idades, a prezo case irrisorio, centrada na música de noso.

Noutronte, corta feira 11 de xuño,  presentouse oficialmente o cartel e as novidades da 36º Edición da Carballeira de Zas, cita obrigada para todos os amantes do folk. O festival celebrarase na primeira fin de semana de agosto -venres 2 e sábado 3- e na súa presentación xuntáronse políticos e unha representación da organización.

Ademais, a gaiteira Susana Seivane, un dos pratos fortes desta edición, quixo participar da presentación apoiando á directiva do festival. Seivane, para a que actuar na Carballeira “era unha débeda pendente”, ofreceu un pequeno concerto aos presentes, como adianto da súa actuación o día 2 de agosto.

Neste ano, a Carballeira de Zas énchese de tradición e música galega grazas a artistas como Perfusión, que abrirá a festa, Susana Seivane coa súa gaita, as pandereteiras Tanxugueiras, Dakidarria ou Monoulious Dop. Ademais, o festival volverá a ofrecer a posibilidade de gozar de recoñecidos grupos do ámbito estatal, como os vascos Korrontxi e internacional, coa banda bretona Celtic Social Club e os irlandeses Fourth Moon.

Rematarán a festa, o sábado de madrugada, o grupo escocés Tide Lines e o galego Baiuca. A clásica sesión vermú da Carballeira ofrecerá as actuacións de Os Farrapos, Fourth Moon, Vudú e unha regueifa con Lupe Blanco e Alba María.

A Carballeira de Zas, na edición do 2018

A Carballeira máis solidaria

As entradas para o festival poderanse mercar dende hoxe mesmo na páxina festadacarballeira.com. Teñen un prezo de saída de 10€, o bono para os dous días, tarifa que se manterá durante o mes de xuño. En xullo pasará a costar 12€. A venda en taquilla será de 15€, bono de dous días.

Unha das novidades máis importante este ano será o acordo solidario ao que chegaron a organización do Festival coa Fundación Íntegro, Asociación de persoas con diversidade funcional das bisbarras de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. De cada entrada mercada online doarase 1€ á asociación. Un xesto co que a Carballeira apoia e recoñece o labor desenvolto por a Fundación. Como en pasadas edicións os asistentes poderán contar con zona de acampada gratuíta (situada a poucos metros do recinto musical), baños e duchas.

Evento familiar

Un ano máis, a tarde do sábado na Carballeira de Zas está pensada para o desfrute de maiores y pequenos, contando con unha zona de gastronomía, espazo lúdico infantil, feira de artesanía e diferentes actuacións a partir das 14h.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.