O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira presentou a 23ª edición do concurso Runas de novos valores, con votación on-line para as dez propostas preseleccionadas por un xurado. Os 3 finalistas escollidos actuarán no Festival deste ano xunto cos finalistas das edicións dos anos 2020 e 2021. De entre estas 9 bandas sairán os gañadores que actuarán na edición 2023.

A pandemia provocou que en 2022 sexan nove as bandas finalistas que participarán na última fase. Como dixemos, as tres que quedaron finalistas en 2020, as tres que quedaron finalistas en 2021 e mais as tres que se elixan nesta edición de 2022. Así, xunto co resto de programación, o festival será ampliado e pasará de catro a oito días de duración. Vai ser #OMáisLongoDaHistoria.

Os 3 finalistas do presente concurso 2022, escollidos a través da votación on-line e do xurado, serán anunciados os vindeiros 25, 26 e 27 de maio, e serán contratados para actuar no escenario da Alameda do Festival 2022. Cada un percibirá un caché de 1.500 euros e alí competirán acanda os vencedores dos Concursos Runas 2020 e 2021. Da actuación de todos eles, sairán os 3 gañadores que actuarán en 2023.

Poderán tomar parte no concurso as formacións cuxo estilo aborde a música tradicional dos países de orixe celta, en sintonía coa liña musical habitual que se programa no Festival, calquera que sexa a súa orixe. O material para participar poderá enviarse até as 23:59 h da sexta-feira 29 de abril e o proceso de selección constará de 2 fases:

Na primeira fase un comité técnico nomeado polo concello de Ortigueira fará unha selección dun máximo de 10 traballos de entre os recibidos que reúnan todos os requisitos solicitados. O 6 de maio dará comezo a segunda fase en que os traballos seleccionados polo xurado poderán ser votados e escoitados na páxina web oficial festivaldeortigueira.com. Esta segunda fase finalizará o venres 20 de maio ás 14 h, dando lugar á selección de finalistas.

Os finalistas determinaranse por un sistema de 5 votos. Un voto sairá da votación popular na páxina web do Festival e os outros 4 votos procederán dun xurado composto por músicos, xornalistas musicais e promotores seleccionados polo concello de Ortigueira. Os 3 grupos finalistas serán anunciados na página web e as redes sociais do Festival o 25, 26 e 27 de maio. Desde a elección dos finalistas até a celebración do festival, realizarase a promoción dos grupos finalistas a través da publicación dos seus temas, entrevistas, vídeos ou aquel material do que dispoñan ou xeren neste tempo. Os gañadores das edicións de 2020, 2021 e 2022 serán contratados para actuar no Festival do ano 2023 e percibirán cada un deles un caché de 3.000 euros pola actuación. O xurado poderá non propor ningún grupo se estima que este ano non cumpren uns mínimos de calidade artística e musical.

proba

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.