O festival de música galega en Bruxelas, que se celebra os días 5 e 6 de marzo de 2027, pecha o cartel con tres novas confirmacións máis unha foliada da man da Asociación Cultural Galega A Roda, de Lausanne (Suíza).

O evento foi distinguido nas últimas semanas cos Premios PALCO na categoría de mellor proxecto de comunicación e co Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior.

16/11/26 | O festival EmigraSON pecha o cartel para a súa quinta edición, que se celebrará en Bruxelas os días 5 e 6 de marzo de 2027. As últimas incorporacións son Carlangas, 9Louro e Tapa D’Orella, ademais da Asociación Cultural Galega A Roda, de Lausanne, que protagonizará a foliada da primeira xornada. Nos próximos días anunciarase a data da venda de entradas.

Carlos Pereiro, máis coñecido como Carlangas, é un músico orixinario de Monterroso pero compostelán de adopción. Alí fundou en 2007 Novedades Carminha, unha das bandas galegas máis exitosas das últimas décadas coa que publicou cinco álbumes ata a súa disolución en 2022. Un ano despois publicou Carlangas, o seu primeiro disco en solitario, e este ano chegou o segundo traballo Universo paralelo.

O muradán 9Louro é a gran sensación da música urbana galega. A comezos de ano esgotou en media hora todas as entradas para o seu concerto na Sala Capitol de Santiago, onde presentou o seu último (e terceiro disco en catro anos) AMORRER. Esta será a súa segunda visita a EmigraSON tras participar na anterior edición do festival.

Tapa D’Orella nace da colaboración de Willoz GHZ (Darío Burgos) e Pappaquino (Joaquín Limia), dous amigos que se xuntaron para mesturar música urbana, folk, ska e verbena nunha divertida proposta que rapidamente atopou ao seu público.

Por último, a Asociación Cultural Galega A Roda volve viaxar á capital belga de Lausanne (Suíza) para dinamizar a foliada do venres 5. A Roda é unha entidade fundada en 1991 no país helvético para difundir a lingua, a danza, a gastronomía e a música tradicional galega nun lugar tan vencellado coa emigración.

A ACG A Roda actuará o venres 5 na sala Tricoterie xunto con Tapa D’Orella, Dani Cornes e Rager. O sábado 6 o festival trasládase á céntrica sala La Madeleine, onde actuarán Carlangas, 9Louro, Mondra e De Ninghures.

Dous premios en menos dun mes

Paralelamente á preparación da quinta edición, a organización do festival está a recoller os froitos sementados nos últimos anos. Así, o pasado 3 de novembro gañaron o Premio PALCO ao Mellor proxecto de comunicación no marco da segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, organizados pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia.

Este recoñecemento chega poucas semanas despois de que o EmigraSON recibise tamén o Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior, consolidando o traballo do festival na difusión da música e da cultura galegas fóra do país. O festival, que naceu en 2023 como unha iniciativa autoxestionada por un grupo de galegos e galegas residentes na capital belga, continúa a medrar e a ampliar a súa programación para achegar a cultura galega á diáspora e ao público internacional.

Sobre o festival

Na súa cuarta edición, celebrada no inverno de 2026, o EmigraSON reuniu preto de 2.000 persoas nas salas La Madeleine e La Tricoterie, un éxito que a organización aspira a repetir este ano. Ao longo da súa traxectoria, o festival levou a Bruxelas artistas como Tanxugueiras, Baiuca, The Rapants, Fillas de Cassandra, Ortiga e Terbutalina, entre outros nomes destacados da música galega actual.

A quinta edición do festival conta co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, o proxecto europeo STORCITO, a Deputación de Pontevedra, o Instituto Cervantes, TurEspaña, a Embaixada de España en Bélgica e a Fundación Galicia Europa. Tamén a patrocinan marcas como Evolta, Deleite, AirEuropa, Liporca, e Aí Falaches. Ademais, renovaron o seu apoio os tres eurodeputados galegos Francisco Millán Mon, Nicolás González Casares e Ana Miranda Paz.

Fotos EmigraSON 2025: Pablo Vázquez; Foto Premio Palco: Cristina Padín.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.