Chega a décimo sétima edición do Derrame Rock. 50 horas de rock sen acougo, cun cartaz onde hai un pouco de todo pero que desde logo contén varias propostas moi interesantes. Bandas como Bad Manners, Banda Bassotti ou Rosendo son fixas do circuíto de festivais estatais e adoitan saír resultonas. Los Suaves na casa e a incógnita de saber se Os Heredeiros manteñen o nivel que marcaron na súa reaparición en Ordes. E hoxe xoves, protagonismo do rock do país. Porén, na participación das pequenas bandas, e non só galegas, nestes macrofestivais sempre hai luces e sombras.



Desde hoxe xoves até o sábado 30, Ourense hase converter na capital do rock estatal. A décimo sétima edición do Derrame Rock traerá até a cidade unha interesante mestura de bandas galegas e foráneas, abranguendo unha boa mostra do rock que se fai hoxe en día. Con Los Suaves, Sepultura, Rosendo, Los Enemigos ou Os Heredeiros como cabezas de cartel, o Derrame ten oco para xente como Loquillo, Banda Bassotti ou Bad Manners ao carón dunha nutrida representación do rock galego. Así, para alén dos xa citados, Dakidarría, Zënzar, O Sonoro Maxín, Ulträqäns, Machina, Festicultores ou Novedades Carminha serán parte da festa que se celebrará no contorno da praia fluvial de Oira. Para as bandas galegas, unha boa ocasión de compartir escenario con estrelas consagradas do rock e tocaren con moi bos medios técnicos. Por outra banda, tamén moitas veces os peores horarios e uns cachés ridículos, nun perigoso costume que se está a estender por festivais do país, e non só por aqueles organizados por grandes produtoras, que deciden non escatimar gastos para traer figuras, ás veces en franca decadencia, mentres relean até o último céntimo ás bandas do país. E isto, sen ter en conta que moitas veces, e cada vez máis, os grupos galegos arrastran aos concertos tanto público como as supostas estrelas.


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.