Algo se move no tecido asociativo que rodea os festivais da música do país. Aproveitando a décima edición do Castañazo Rock en Chantada, varios festivais galegos convocan unha xuntanza aberta a todas asociacións e persoas que organizan festivais musicais. A idea é dar os primeiros pasos na creación dunha rede que permita dar a coñecer o traballo desinteresado das asociacións que manteñen aceso o facho da resistencia musical galega.

A iniciativa non é nova e xa hai varios anos que xente vencellada a festivais como o Rebumbio, o Terra Brava ou As Revenidas levan barallando unha idea que agora semella botar a andar. A intención é falar entre todas e todos para mellorar e optimizar a organización dos festivais, compartindo información e buscando a redución de custos nos servizos que os festivais se ven obrigados a contratar : empresas de son, escenarios, distribuidoras de bebidas, etc.  Ademais, a medio prazo os convocantes pensan na creación dunha rede de festivais galegos, -feitos por asociacións sen ánimo de lucro e centrados maioritariamente na música do país-,  para facer unha fronte común diante do absoluto abandono por parte das Administracións Públicas en que se atopan agora os festivais que optan pola autoorganización e a música do país. É sabido que a política da Xunta leva anos favorecendo os grandes festivais organizados por empresas e protagonizados por músicas foráneas, no que semella un outro ataque á parte máis concienciada da nosa sociedade, á que é quen de se organizar para levar a cultura do país por todas as vilas e aldeas. 

Por todo isto, -e tamén porque vari@s dos que levamos GZmúsica estamos implicados en festivais-, desde aquí lle damos todo o apoio a unha iniciativa coa que imos colaborar activamente, pois entendemos que é o único camiño diante da coxuntura socioeconómica e o desleixamento cara á nosa cultura en que por desgraza vivimos. O primeiro paso deste novo camiño hase dar sábado en Chantada, pero as e os organizadores queren lembrar que diante da premura na convocatoria é posible que haxa festivais que non poidan asistir. Estes quedan convidados a se unir nas vindeiras reunións, que se han celebrar probablemente no Vento Rock en Redondela o 17 de novembro e na Rebusca de Manzaneda o 24 deste mes.


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.