O Festival volverá encher Bueu de festivaleiros os días 2, 3 e 4 de agosto coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nunha contorna privilexiada. Despois de esgotar en menos de 12h os primeiros 200 abonos, as entradas están á venda na web do festival, cun prezo especial de 25 € máis gastos, coa acampada incluída.

La Raíz e Terbutalina, dúas propostas de descarga musical festiva e combativa, protagonizan o primeiro avance do cartel da XVI edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 2, 3 e 4 de agosto de 2018. A de Bueu será a única cita no país da xira de despedida da big band valenciana, mentres que os enfants terribles do garage punk galego presentarán no multiusos da Estacada o seu novo traballo, A casa da Tolemia, co que queren dar un cambio de rumbo ao proxecto, despois da saída de 3 dos vellos membros da banda. Despois de esgotar en menos de 12h os primeiros 200 abonos para o festival, nunha oferta express na rede antes de anunciar as primeiras confirmacións, as entradas están á venda na web do festival cun prezo especial e limitado de 25 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída. Nos volveremos a ver é o irónico nome da xira de despedida de La Raíz, que terá este verán no SonRías Baixas a súa única parada en Galicia. A big band valenciana, considerada a número un da escena mestiza e comprometida do Estado español, chegará a Bueu para facer vibrar a todos os festivaleiros e festivaleiras co seu directo único e arrollador que transcende estilos e etiquetas. Rock, ska, hip hop, ventos, distorsión, letras comprometidas e melodías vocais caracterizan un tremendo e exitoso directo que fará ao público berrar, máis alto ca nunca, o lema da banda: “¡guerra al silencio!”. Terbutalina, os enfants terribles do garage punk galego, abren nova etapa este 2018 con A Casa da Tolemia, un novo proxecto e un cambio radical de formación que presentarán en Bueu. Os Terbutalina chegan, por fin, ao SonRías Baixas, despois de encher salas e festivais de toda a península, de conseguir colgar o cartel de sold out na maioría de salas do país e de conquistar o premio ao Mellor Álbum en Galego de 2014 nos Premios da Música Independente e o premio María Casares 2017 á Mellor Música Orixinal coa súa colaboración coa compañía teatral Chévere na obra Eroski Paraíso.

Unha inxección económica de 1.500.000 euros

O pasado verán, o SonRías Baixas converteu Bueu no epicentro do rock e das músicas do mundo, ao encher a vila de festivaleiros e festivaleiras procedentes de diversos puntos do mapa. Quedou patente que o evento é moito máis que un festival, é toda unha experiencia que unifica unha localización urbana e natural única cunha completa programación musical e cultural que combina a música con disciplinas como a gastronomía ou o audiovisual. Desde a zona de acampada á beira da praia ata as propostas musicais e gastronómicas, todo foi artellado de tal xeito que se creou unha experiencia única para todos os asistentes. A organización quixo anticiparse ás novas tendencias, amosando o seu carácter pioneiro, ao utilizar por primeira vez en Galicia as pulseiras cashless para permitir o acceso ao recinto e para pagar en todos os puntos de comida, bebida e merchandising, ofrecendo ao público asistente a posibilidade de deixar o diñeiro en efectivo e as tarxetas bancarias na casa. Un auténtico despregamento de medios e de personal humano para a edición máis madura da historia do festival, que tamén deu un gran salto adiante noutras áreas como produción, loxística ou comunicación e que supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.500.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias nalgúns casos. Coa finalidade de que a actividade do Festival repercutise o máximo posible na zona, dende a organización afirman que sempre intentaron priorizar na búsqueda de profesionais e empresas proveedoras a nivel local. Así, nesta edición, contratáronse os servizos de 135 provedores e máis de 400 persoas traballaron durante a celebración do evento, a maior parte, xente da comarca. A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “o Festival dos moi Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. Unha proposta irresistible á que dende a pasada edición se sumou o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. O Festival SonRías Baixas está producido pola empresa de produción e xestión cultural PlayPlan e conta, tamén, co apoio do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través de Agadic.

FOTOS: Óscar Corral - SonRías Baixas // Terbutalina

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.