A primeira vez foron Verónica Codesal e a gaita galega ás que, da man de Urban Trad, levaron a música galega a Eurovisión, concretamente a Letonia en 2003. Agora serán os NAO os que leven a nosa lingua e a nosa música ao festival europeo. Porén, nesta ocasión será ben distinta ao que acontecera no 2003. Se daquela a integrante das Ialma levou un petisco da música de noso, desta volta será música 100% galega pero representando a Andorra. Despois da votación realizada esta fin de semana pola RTVA, a banda galega resultou a sorprendente gañadora e vén de confirmar que acepta o convite.
"Cando me chamaron esta mañá desde Andorra, pensei que era unha brincadeira do 1 de abril, pero parece que non", así se expresaba un aínda abraiado Jasper cando GZmúsica se puña en contacto con el hoxe. "Segundo nos din da televisión andorrana, a emigración galega -xente nova, neste país- votou masivamente e os andorranos non o fixeron" sinala Gus Brea. A banda da Estrada, inmersa na súa xira de despedida, non dubidou aceptar o convite. "Sabemos que Eurovisión é unha puta merda, pero só a oportunidade de ir aló cagarnos en todo xa pagaba a pena" apunta Amós. "Iso si, imos co compromiso de tocar desde chan palestino. Non poremos un pé no estado racista israelí".
"Inda non sabemos que faremos, pero levar a Tanxugueiras e SondaRúa acanda nós para facer Cultura Crítica sería un puntazo", di Jasper.
En grupiños de Whatsapp de música e cotilleo galegos, a noticia correu como a pólvora. Algunhas voces envexosas apuntaban ao tongo. En Andorra viven menos de 80 000 persoas. Abonda con ter unha rede de 150 persoas votando masivamente para obter o resultado desexado, apunta un músico que prefire manter o anonimato.
Sexa como for, a música galega volve ao programa con máis caspa da tele europea, e faino da man dunha banda que vai preparada para meterlles un par de zoscalladas e tirarlle a caspa. Veremos a ver!!!