PALCO é o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, que terá lugar do 3 ao 5 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese para o sector musical repartidos pola cidade

 PALCO é un espazo creado para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita en Galicia, que a partir do 1 de xullo abrirá as súas primeiras convocatorias para a recepción de propostas artísticas, a presentación de pitchings e as inscricións profesionais, todo a través da páxina web oficial do proxecto: www.palco.gal

Este outono, Galicia conectará á industria musical co nacemento de PALCO, o primeiro –e pioneiro– encontro sectorial da música na comunidade, impulsada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a  Xunta de Galicia. 

PALCO celebrarase en Santiago de Compostela ao longo de tres días, do 3 ao 5 de novembro de 2026,  na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese repartidos pola cidade.

Este punto de encontro da industria musical celebrado en Galicia nace coa idea de aportar visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego. E, tamén, coa fin de favorecer conexións e oportunidades, fomentando as relacións entre artistas, empresas, programacións e institucións, así como xerando contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento. PALCO quere impulsar, do mesmo xeito, a presenza da música galega, abrindo novas redes e espazos de traballo conxunto, ademais de reforzar Galicia como territorio de creación e de industria.

A mañá deste venres, 26 de xuño, ás 12.00 horas, tivo lugar a rolda de prensa de presentación de PALCO na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Compostela. O acto contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic); Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027; Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM); e Daniel Vázquez, presidente da Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (AGATEC), que estiveron arroupados por diferentes entidades, profesionais e axentes do ecosistema musical galego, responsables do deseño colectivo da feira. 

Como apuntou Patricia Hermida, presidenta de AGEM, “PALCO é o novo punto de encontro anual da industria musical celebrado en Galicia. Un espazo creado para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita en Galicia”.

Pola súa banda, Jacobo Sutil, director da Agadic, destacou que PALCO “nace nun contexto propicio e oportuno, xa que a música galega leva anos demostrando a súa capacidade para emocionar, innovar e chegar cada vez máis lonxe. A música en Galicia vive un dos momentos máis fértiles da súa historia grazas ao talento dos seus artistas e ao traballo dunha comunidade profesional que impulsa, acompaña e fai posible que a música suceda”.

Foto: Mónica Arcay Carro

Na mesma liña, o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, indicou que “Galicia conta cun ecosistema musical vivo, creativo e profesional. Un territorio cunha identidade propia, cunha rede de salas esencial para a súa actividade cultural, con festivais de referencia e con proxectos capaces de dialogar co local e co global. Desde a Xunta de Galicia, impulsamos PALCO xunto a AGEM e os axentes do sector para reunir esta fértil realidade”. 

Deste xeito, PALCO nace como un punto de encontro para dar visibilidade ao talento, fortalecer vínculos e xerar novas oportunidades. Como un espazo para compartir coñecemento, activar relacións profesionais, presentar proxectos e impulsar novas vías de colaboración.

Para Patricia Hermida, “a música medra cando circula, cando conecta persoas, ideas e proxectos e cando atopa contextos que favorecen o intercambio, a creación de alianzas e a apertura de novos horizontes. Todo isto é PALCO”.

Durante tres días, do 3 ao 5 de novembro 2026, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical –principalmente a galega– conversará e se proxectará, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro. “PALCO será o escenario da música galega, no que os e as profesionais do sector serán protagonistas”, concluíu na súa presentación Patricia Hermida.

Deste xeito, nos vindeiros meses PALCO abrirá as súas primeiras convocatorias a través da páxina web oficial www.palco.gal que se publicará proximamente:

- Convocatoria da programación artística: a programación artística de PALCO pretende reunir unha selección de proxectos musicais que amosen a diversidade, a calidade e o momento creativo da música galega actual. O prazo para inscribir os proxectos estenderase do 1 ao 31 de xullo de 2026.

- Convocatoria das presentacións breves ou pitchings: PALCO abre unha convocatoria para a presentación de proxectos, iniciativas e propostas vinculadas á industria musical. Estas pequenas presentacións de 5 minutos de duración máxima están pensadas como un espazo para dar a coñecer ideas, servizos, ferramentas ou proxectos ante profesionais do sector, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades. O prazo de inscrición desta convocatoria comprende entre 1 e o 31 de agosto de 2026.

Inscricións profesionais: a acreditación profesional de PALCO permite acceder a todas as actividades do encontro e participar nos espazos profesionais do Museo Centro Gaiás. As inscricións abriranse desde o 1 de agosto de 2026.

 

SEGUNDA EDICIÓN DOS PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA

No marco de PALCO celebrarase, tamén, a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, que un ano máis buscarán poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destaquen polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego.

Esta segunda edición dos Premios PALCO terán lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela a noite do martes 3 de novembro. Será un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega. 

En palabras de Patricia Hermida, presidenta de AGEM: “neste 2026, os Premios PALCO regresan dar resposta ao gran momento que está a vivir a música galega, cunha madurez e unha diversidade extraordinarias. Queremos celebralo e agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o crecemento da nosa industria e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten o sector nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”. 

Un ano máis, os Premios PALCO pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.