O Ven e baila! celebrará a súa terceira edición o domingo 29 de novembro, ás 13:00 horas, cunha gran convocatoria colectiva que convida a todo o público a participar, saiba ou non bailar. A histórica agrupación santiaguesa Cantigas e Agarimos será o motor dunha edición que busca achegar o baile tradicional a novos públicos e reivindicalo como expresión da nosa identidade e do noso sentir colectivo.

Pontevedra, 20 de novembro de 2026. O bailarín e coreógrafo Artur Puga regresa ao Culturgal coa terceira edición do Ven e baila!, unha iniciativa que busca reunir centos de persoas arredor do baile tradicional galego e celebrar a súa forza como expresión da nosa cultura. O encontro terá lugar o domingo 29 de novembro, ás 13:00 horas, na Praza Arte do Pazo da Cultura de Pontevedra, e contará coa agrupación santiaguesa Cantigas e Agarimos como protagonista. Unha convocatoria aberta a todo o público que convida a gozar da nosa música e do noso baile, sen importar a idade nin a experiencia previa.

Fundada en 1921, Cantigas e Agarimos leva máis dun século mantendo viva a cultura tradicional galega, cunha traxectoria na que o baile ocupa un lugar esencial como expresión da nosa identidade e memoria colectiva. Nesta terceira edición, a agrupación será o motor do Ven e baila!, cos seus bailadores guiando os puntos xunto con Artur Puga e animando o público a incorporarse. Unha oportunidade para bailar ao carón dunha das formacións históricas do folclore galego e descubrir de primeira man unha tradición que tamén pertence a quen nunca deu os primeiros pasos.

O Ven e baila! naceu en 2024 por iniciativa de Puga e reuniu arredor dun milleiro de persoas na súa primeira edición. Desde entón, foi sumando agrupacións de distintos puntos de Galicia coa vontade de converterse nunha cita de referencia para o baile tradicional. A proposta conecta tamén co interese das novas xeracións pola nosa música e recupera o espírito daqueles seráns e festas das vilas e aldeas nos que a música enchía as prazas e o baile era unha maneira de xuntarse e celebrar en comunidade.

Máis que unha exhibición, o Ven e baila! é unha chamada a perder o medo e lanzarse a bailar. A proposta convida a deixar de ser espectadores e formar parte dunha celebración na que se atopen distintas xeracións, desde quen leva toda unha vida bailando ata quen se anima por primeira vez. Porque o baile tradicional non é só un legado que conservar: segue vivo cada vez que alguén entra na roda.

Os puntos do baile tradicional chegan ás rúas de Pontevedra

Esa vontade de levar o baile máis alá dos escenarios estará presente tamén nas rúas de Pontevedra cunha nova intervención de As pegadas do baile, o proxecto impulsado por Artur Puga que conta coas Tanxugueiras como embaixadoras. A instalación situarase na rúa Serra, a carón do edificio Castelao do Museo de Pontevedra, e reproducirá sobre o chan os pasos básicos do baile tradicional galego, convidando a quen pase por alí a seguilos e aprender a bailalos.

Un proxecto para compartir e transmitir o baile tradicional

Detrás destas iniciativas está Artur Puga, bailarín, coreógrafo, docente e investigador, cunha traxectoria que combina a creación escénica coa investigación e divulgación do baile tradicional galego. Ao longo da súa carreira colaborou con artistas como Tanxugueiras, Fran Sieira ou Mondra.

A través do Ven e baila! e de As pegadas do baile, Puga aposta por ampliar os espazos nos que se practica e transmite o baile tradicional, facilitando a participación de persoas que non forman parte de agrupacións ou escolas de baile.

A terceira edición do Ven e baila! celebrarase no marco do XIX Culturgal, do 26 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A participación na actividade é libre para as persoas asistentes á feira. As entradas e bonos para acceder ao recinto están dispoñibles en Ataquilla.com e a programación completa pode consultarse en www.cultur.gal.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.