Foi no 2003 cando Ábrete de orellas deu o salto á rede. Hai agora 10 anos, o proxecto radiofónico que nacera da man de Pepe Cunha no 1997 pasou a se converter en Ábrete de orellas.com. Así naceu este portal especializado en música e concertos na Galiza. Cunha atención especial a artistas, salas e produtoras do país, Ábrete de orellas non pretende crear tendencias, senón divulgar, ser un punto de encontro das diferentes propostas. Máis de 1500 seareiros en facebook e máis de 20000 visitas no último ano respaldan o labor dun referente senlleiro da música galega na rede.
A presenza da música galega na rede vén de vello. Xa antes de que estoupase a Bolla das empresas punto com, sitios como os desaparecidos ou inactivos Proxecto Estrume, folkGaliza ou Ravachol.org e por suposto o histórico e lonxevo ghastaspista.com abrían xanelas na rede para a música do país. Tamén desde o século XX, Ábrete de orellas, que xurdira en Ferrol aló polo 1997 coma un programa radiofónico, leva informando da actualidade da música en Galiza. O proxecto foi crecendo a carón do seu director Pepe Cunha, ao tempo que espallaba a súa faceta de comentarista musical por diversos medios (Radio Kaos, Rádio FilispiM, Diario de Ferrol, Radio Fene, De troula, Xornal de Galicia, TVG ... ) para finalmente crear hai dez anos Ábrete de orellas.com
O portal galego cumpre 10 anos este mes de marzo e celébrao cunha serie de actuacións en colaboración con colectivos e locais de Pontedeume, Ferrol e Compostela: catro concertos e unha representación teatral ben musical. Ademais das actuacións ao vivo, non han faltar sorteo de Galeokes e gravacións de música feita en Galiza, pois o selo DoFol Música colabora co agasallo dun lote de cedés.
venres 15, Pontedeume:
- "O fútbol é así" da compañía Obras Públicas no local do Colectivo Terra Pontedeume. 21:00 h. Prezo por confirmar.
sábado 16, Ferrol:
- O dúo 2uS en sesión vermú no bar Cantón Vello ás 13:30 h. 3 €
- Grampoder + Projecto Mourente ás 21:30 h no Manchita Cosa. 5 €
martes 19, Compostela:
- o dúo de Fernando Barroso e Luis Peixoto presenta o seu recente álbum "Pop" na Casa das Crechas. 21:30 h. 5 €
Tras eles, unha sesión de picadiscos orelluda.
Desde Ábrete de orellas.com lembran que non teñen afán de lucro, polo que os prezos das entradas son ben económicos e destinados a pagar os artistas. Os aforos son limitados e as camisolas conmemorativas por encarga, así que aceptan reservas en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Tamén queren agradecer o apoio aos locais colaboradores: Colectivo Terra, Pontedeume. Boa Vista 8, Baixo. CantónVello, Ferrol. Rúa Taxonera 1, Entrechán. Manchita Cosa, Ferrol. Rúa Magdalena, 138. Casa das Crechas, Santiago de Compostela. Rúa Vía Sacra, 3.