A Asociación Cultural Retrouso de Cela (Bueu) presentou un micromecenado para financiar o seu novo proxecto, Elelelo, o resultado de 15 anos de traballo na recuperación do patrimonio inmaterial do concello de Bueu. En apenas uns días, xa ultrapasaron a cantidade marcada. O disco dobre da AC Retrouso xa é unha realidade, mais o verkami continúa en marcha. Aínda estás a tempo de facer a túa achega e colaborar no novo obxectivo: sufragar o 100% do custo do disco co micromecenado.
16 horas antes de facer 7 días na web de Verkami, o proxecto Eleleo xa acadou o obxectivo inicial. Porén, o Retrouso de Cela segue a animar a xente a colaborar no proxecto. O custo total de Elelelo é de 3.600 €, dos que a asociación ía pór 2.000€. Acadado o mínimo que permitirá facer o proxecto viábel, agora buscan sufragar a totalidade coas achegas dos micromecenas.
Pero que raio é Elelelo?!?!?
A Asociación Cultural Retrouso de Cela quere editar un traballo discográfico que escolme o froito de quince anos de recollas de campo a persoas maiores de todo o Concello de Bueu.
Un disco estará cheo das mellores gravacións, pezas tradicionais desta área morracense que abrangue a riqueza pandeireteira da Illa de Ons, gaiteiros da Portela e de Cela, tocadores de filharmónica en Cela e a riqueza melódica de áreas como Beluso, Xexide ou Ermelo. Todo isto glosado no libreto con datos dos informantes e unha breve explicación técnico musical.
O outro disco conterá un tributo de Retrouso de Cela a estes informantes e ás músicas que nos teñen transmitido, con 12 pezas interpretadas en base ao explicado polas persoas maiores e engadindo pequenas pinceladas en coherencia con elas.
{fcomments}