Dakidarría publica hoxe o seu novo EP, Filosofía incendiaria, noveno traballo en 15 anos da banda do Val Miñor. Aproveitamos a ocasión para recuperar a nosa sección de entrevistas e falar un pouquiño con Gabri, o cantante do grupo. Velaquí tes o que lle contou onte ao noso compañeiro Lavesedo. E de paso, podes escoitar as 5 cancións que compoñen o novo EP de Dakidarría.

Nos seus quince anos de andaina, Dakidarría converteuse sen dúbida nun dos referentes do rock galego. Habituais nos festivais de todo o país, milleiros de seguidores nas redes, son ademais unha das primeiras bandas galegas que apostaron por saír decididamente a tocar fóra, onde tamén colleitan grandes éxitos. Han estar de volta no Viña Rock a finais deste mes de abril mais antes farán aínda un par de datas en acústico en Galiza. 

Aproveitando a saída de Filosofía incendiaria, EP de 5 cancións que publican hoxe, onte á noitiña falamos polas redes sociais co Gabri. Cantante de Dakidarría, activista social e cultural no seu Val Miñor, recíbenos no bate-papo e cóntanos que leva todo o día mandando notas de prensa, dando entrevistas, etc. A autoxestión é o que ten, mais presta moito ver como a publicación dun novo disco dunha banda de rock galego xera esta expectación. 

GZmúsica - Ben, sacades disco novo hoxe, hai formato físico e dixital ou só dixital?

Gabri Dakidarría - Hai formato físico tamén, vai saír un digipack moi orixinal, cun deseño único. Cremos que é necesario innovar neste mundo xa que, a día de hoxe, quen merca discos o fai por coleccionismo, entón cómpre coidar os detalles.

GZm - O EP chámase Filosofía incendiaria. É esa a filosofía que fai falla coa que está a caer?

Gabri - Cremos que as rúas teñen que volver a arder. O fascismo está cómodo coa súa nova forma de oprimir e non pode ser que atopen docilidade como resposta. Hai que queimar o establecido para desenmascaralos.

GZm - E non che parece, que dalgunha maneira, a xente non reacciona todo o que debería diante dos sucesos graves que vivimos (censura, cárcere para artistas e políticos, revival fascista)?

Gabri - A iso facemos referencia co título do disco. Estamos indignadas pero impasibles e iso débese a que temos as necesidades básicas cubertas. A maiores, os seus medios de manipulación levámolos no teléfono, nas películas e series que vemos no noso "tempo libre"... en definitiva, que exercen control até nas nosas reaccións. O certo é que ou unha faísca prende todo isto ou estamos perdidas. Nós cantámoslles desde sempre a esa xente que nunca se rendeu, que continua saíndo á rúa, okupando, exercendo a solidariedade... cremos que son persoas imprescindibles e que poden chegar a ser a faísca da que antes che falaba.

GZm - Ti, Gabri, es autor de case todas as letras de Dakidarría, non?

Gabri - Si.

GZm - Preguntábacho porque, aínda que non sodes unha banda "panfletaria", non tedes problema en dicir as cousas como as vedes...nalgún momento a "auto-censura" pasou pola túa cabeza á hora de crear novos temas? Especialmente vendo o que está a pasar no mundo do hip-hop.

Gabri - Pola miña cabeza non, pola da miña nai si, hehe. Ela sempre me repite que me van levar preso. Pero tamén entende que non podo ficar calado e  o apoia por outra banda. É normal ter medo porque lle pode tocar a calquera, calquera poder ser un terrorista para o réxime.  

GZm - Hai xa 15 anos da saída de Diskordia nas Rías Baixas. Botando a ollada atrás, cambiou moito aquel rapaciño que comezaba a cantar en Dakidarría neste tempo?

Gabri - Evidentemente algunhas cousas cambiaron, as persoas evolucionamos. Tal vez agora non vomite tan directamente a miña rabia e a canalice e trate de vestila mellor. Ademais, tras todo o alcanzado con Dakidarría gañei algo de experiencia. Pero sigo considerándome un neno con moito que aprender, sigo estando nervioso antes de actuar, sigo ilusionándome por escribir e cantar e sigo tentando loitar contra o réxime. A maior diferenza que vexo é a forma de facelo, comezamos cuspindo rabia e agora estamos tratando de darlle amor, enerxía e alegría á xente que, coma nós, pelexa día a día.

GZm - Nunha banda tan numerosa e en tantos anos, é lóxico que cambien persoas e muden cousas pero hai unha persoa, Javier Abreu, que leva traballando con vós nas gravacións desde case o comezo. Foi un luxo pra vós ter un estudio así no Val Miñor, non é?

Gabri - O certo é que Abreu xa non vive nin ten estudio no Val Miñor pero a relación está tan forxada que sempre traballamos con el estea onde estea. Desta vez gravamos en Santa Cruz Recording, en Oleiros, o estudo de Alber Castro, o noso técnico de son, e Abreu exerceu unicamente de produtor musical. Abreu sempre nos achega musicalidade e nos fai evolucionar nas ideas que levamos ao estudio... O resultado final sempre é mellor estando el cerca.

GZm - E xa para rematar, e volvendo ao disco, tocades en Compostela sexta feira 20 e en Cangas o 21. Escoitaremos xa estes temas novos ou idelos estrear no Viña Rock o día 30 de abril?

Gabri - Os dous concertos que mencionas son en acústico. A presentación oficial é no Viña Rock o vindeiro 30 de Abril. Isto non quita que, se cadra, non adaptemos algunha das novas para o acústico... nunca se sabe! 

Até aquí a nosa entrevista con Gabri de Dakidarría. Se tedes ocasión, non vos perdades nin a versión acústica que andará por Compostela e Cangas a vindeira semana nin algunha das datas festivaleiras onde poderemos escoitar os temas novos. Entrementres, aquí vos quedan o seu último videoclip, -Eterno Festival, un dos temas do EP- e Filosofía incendiaria para que poidades escoitalo no Spotify.


Texto: Lavesedo

Fotos: Lety GF e Xabicas

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.