O Café Cultural Auriense de Ourense é o lugar escollido polo Sonoro Maxín para apresentar a súa estrea discográfica. A Onda Sonora (chega do interior) é o debut dun feixe de músicxs que levan anos facendo bailar nos torreiros de todas as festas do país. A cita é a vindeira fin de semana, venres 13 e sábado 14 de abril. GZmúsica.com vai estar aló pero para nos enterar ben do que está a argallar O Sonoro Maxín, fixémoslle unha entrevista hoxe mesmo.



GZmúsicaCinco anos de vida, 150 concertos e sacades disco de estrea aínda agora. Nestas épocas dixitais nas que calquera grava un disco antes de subir a un escenario, por que esperastes tanto?

Sonoro Maxín - Por sorte ou por desgraza hai algunhas cousas que facemos ao revés. Sentímonos máis cómodos presentando as cancións ao vivo durante un tempo –bastante longo, por certo :-) – para coñecer a resposta da xente e para que vaian andando elas soas, evolucionando por si mesmas antes de rexistralas nunha gravación. As cancións deben crecer nunha viaxe de ida e volta, saen de nós e regresan cambiadas coas achegas das amizades, da familia e de toda a xente que as sinte como propias. Por outra banda, somos bastante preguiceirxs :-) .

GZmApostades polo formato CD, é importante para vós o soporte físico ou a escolla do CD foi por outra cousa?

SoM - Cremos que contar cun formato físico ten algunhas vantaxes, especialmente nun país no que as novas tecnoloxías non están á orde do día. Por exemplo, dá a oportunidade de escoitar o disco a xente non familiarizada cos arquivos dixitais, que non son poucxs. Tamén permite crear unha obra artística alén do estritamente musical, como é neste caso a unión das cancións coas ilustracións de David Rubín. Isto non significa que non apostemos noutros ámbitos polos formatos dixitais e que non lle demos pulo a unha forma de entender a música alternativa á da industria tradicional. O noso disco estará a libre disposición en descarga gratuíta na nosa web cando comecemos os primeiros concertos da xira, xa que pensamos que o acceso á cultura non debería ser restritivo.

GZmFostes gravar onda o Kaki Arkarazo, a Andoain, Gipuzkoa. Que tal a experiencia? E xa de paso, por que escollestes saír do país para gravar a vosa estrea?

SoM - A experiencia foi moi boa, tal e como agardabamos. Acostumamos a traballar con xente coa que mantemos una boa relación persoal, alén da profesional. É algo moi importante para nós. É o caso tanto de David como de Kaki, con quen é moi sinxelo traballar e ao que nos une unha boa amizade que fai que todo sexa moi doado. Coa nosa escolla non queremos desmerecer aos estudos do país, pero si é certo que gravar en Garate implica poder pasar unha tempada no caserío, no monte profundo, afastados do ruído e centrados só na gravación cun produtor de primeiro nivel con quen nos entendemos moi rápido.

GZmTedes unha xira ben guapa de presentación do disco, que precisamente comeza este venres 13 de abril en Ourense. Pero chamounos moito a atención as actuacións previstas para a vindeira semana, 21 e 22 de abril, cun “concerto itinerante polos barrios de Ourense”. Explicádenos un pouco iso, por favor.

SoM - Comezamos esta fin de semana no Café Cultural Auriense con tres concertos, o primeiro o venres pola noite. O sábado faremos sesión dobre, un primeiro pase ás 19h no que realizaremos unha presentación cun pequeno concerto gratuíto para a rapazada e familias e o segundo, xa pola noite, para o público en xeral.

A semana seguinte faremos os “Ataques sonoros”. Doce concertos en dous días, de 11h a 14h e de 17h a 20h subidos a unha furgoneta itinerante por distintos barrios de Ourense: Dende Seixalbo ao Vinteún pasando por Buenos Aires, O Couto ou o Casco Vello. Apetécenos moito facelo para achegar a música tamén a aquela xente pouco afeita a asistir a salas de concertos.

GZmE despois da xira, que? Sabemos ben que a cousa está este ano complicada para tocar ao vivo, pero tedes xa algo atado para o verán?

SoM - Polo momento podemos anunciar que estaremos no festival “Arrechéghate ao fento”, en Bembrive (Vigo) o 16 de xuño e no “Derrame Rock”, en Ourense, o 28 dese mesmo mes. En breve poderemos anunciar máis datas.

GZmE incidindo nese tema, que opinión vos merece a desaparición de tanto festival?

SoM - Con todos os recortes que se están a facer nos apoios económicos ás manifestacións culturais, o certo é que bastantes festivais desapareceron. Ora ben, segue habendo moitos que resisten mediante a autoxestión e o autofinanciamento, demostrando que hai vida alén das subvencións, mais con moito traballo e esforzo que non sempre son recompensados economicamente como merecen.

GZmNo disco aparece moita cumbia pero tamén vallenato, ranchera,... Por que tedes de sempre tanta querencia por eses estilos?

SoM - Nós tentamos facer cumbia, pero non o conseguimos. Facemos o que chamamos “a cumbia que non é cumbia”, ou “o baile que non é baile porque aínda está por inventar”. O mesmo pasa cos vallenatos ou rancheras... Nós sentímolo desta maneira. Gozamos coa música popular bailable, co aspecto festivo,  lúdico e de combate deste lerio. Gozamos con esta música que chegou a nós grazas ás orquestras que foron a América a estudar os ritmos tropicais e que volveron para triunfar con eles nas verbenas. Desta maneira confirmamos a ida e volta das cancións, do grupo e das persoas. Outra cousa é que estes estilos, tocados á nosa maneira, non necesitan unha aprendizaxe no baile, cada quen baila como lle vai na feira.

GZm - E xa sendo un pouco menos serios, que tal a experiencia co Falete o outro día na TVG?

SoM - :-) Pois estivemos alí, escoitámolo cantar, fixémonos unhas fotos, convidámolo a vir a un concerto e pouco máis. Foi divertido.

GZm - E para rematar, contádenos que cousas novas vai atopar a xente no disco do Sonoro e nos concertos deste ano.

SoM - No disco hai una mestura de temas que vimos tocando dende o noso comezo, producidos doutro xeito, e de temas novos que fixemos para a ocasión. Tentamos coidar moito tanto a produción musical como a da arte gráfica. Puxémonos a traballar tamén en contidos que acompañarán aos temas dende a web (vídeos, remixes, textos, versións...). Realizamos un debuxo do que nos gustaría como acompañamento ao disco, algunhas cousas saíron adiante, outras esvaeceron, pero traballamos con gusto sobre aspectos das cancións que podían crecer e desenvolverse doutra maneira. O disco soa moi ben, está moi ben producido e moi ben ilustrado, e pensamos que paga a pena escoitalo e miralo. Nos concertos presentaremos o disco e varios temas novos que comezarán a rodar nesta xira e que renovan o repertorio.



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.