GZmúsica estrea colaboración con Mulleres Galegas Kañeiras e Músicas Galegas Ilustradas. Imos tentar colaborar na visibilización da presenza feminina nun panorama tan masculinizado como é o da música, nomeadamente nos estilos máis duros, como rock ou heavy. E para iso poñemos as nosas cámaras ao servizo da coñecemento musical de Patty para que, xunto cos debuxos de Laura, poidamos achegarvos mensualmente unha entrevista a fondo con algunha destacada música do país. E a primeira, con disco quentiño do forno que se presenta mañá en Cambados, é Paulinha.

Mulleres Galegas Kañeras é un proxecto capitaneado por Patty Castro (John Deeres, Nao, ...) que busca visibilizar a presenza feminina na música galega, nomeadamente en estilos como o rock, o punk ou o metal onde non son tan numerosas como no mundo folk e tradicional. O proxecto leva xa máis de 5 anos a funcionar, desde que sacara un crowfounding para gravar 2 temas orixinais con 30 mulleres do mundo musical galego. E nos últimos tempos ten traballado moitoi ao carón doutros proxectos como o Músicas Galegas Ilustradas de Laura Romero.

Agora nós estreamos colaboración con elas, as kañeiras e ilustradas mulleres que seguen a pular por destacar a presenza e as vivenzas das mulleres na música do país. Ao longo dos vindeiros meses iremos entrevistando moitas destas mulleres galegas kañeiras para saber das súas experiencias no mundo da música. Da man da sabedoría de Patty e as ilustracións de Laura coñeceremos máis delas. E a primeira é Paulinha, a cantautora cambadesa que apresenta novo disco mañá, domingo 1 de marzo de 2020, na súa vila natal.


Paulinha vista por Laura Romero, de Mulleres Galegas Ilustradas

Estivemos con Paulinha o pasado 14 de febreiro, o día da presentación do novo disco dos Ruxe Ruxe, en Compostela. Tanto ela coma nós iamos ver o novo dos de Aríns e aproveitamos para quedarmos no Besbello e botarlle unha parolada. Non era casual que Paulinha estivese aló -tampouco nós, fans declarados dos Ruxe- pois a primeira vez que Paula Chaves subiu a un escenario foi da man dos de Aríns hai xa ben anos.

Da súa experiencia con eles e outras bandas do país, da súa vida profesional, da súa saída á emigración ou das dificultades que atopa unha muller para se abrir camiño nun mundo tan masculinizado como o do rock. De todo isto e moito máis nos falou Paulinha.

E tamén, claro, da Malfalada, o seu novo disco que presenta mañá no seu Cambados natal e do que xa coñecemos un par de petisquiños, como este seu novo single 'Orghullosa de ser muller'.

Aquí vos queda a entrevista íntegra que Patty lle fixo a Paulinha hai 15 días. E non queremos deixar de lle agradecer á xente do Besbello Bar Cultural o trato que nos deron no tempo en que alí estivemos a traballar, cedéndonos unha zona do seu fermoso local e facilitando todo para que as cousas saísen ben. Así dá gusto!!



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.