Non se pode falar de metal en galego sen falar de Invivo. A banda compostelá protagonizará, xunto a 2Sisters e a A New Heaven Arise unha noite metaleira mañá sábado 24 de xaneiro na Capitol. Aproveitarán para tocar os temas do seu último disco, Cárcavas (2014), traballo que trouxo mudanzas para a banda. Recuperamos a entrevista que Montse Dopico lle fixo a Mario, un dos Invivos, hai xusto un mes no M_, Magazine Cultural Galego. 

Hai menos dun ano demos conta da saída á rúa e presentación do terceiro traballo de Invivo. No 2015 volven dispostos a dar moita tralla con este disco, na liña dos anteriores da banda mais con importantes mudanzas, como o paso de Mario a Roberto da voz principal ou a entrada dun novo baixista, Bruno Castro. Onte mesmo mantivemos unha pequena conversa telefónica co Mario, que nos contou mentres traballaba -si señora, os metaleiros tamén lle traballan- que están con moitas ganas de lle presentar á parroquia galega do hardcore-metal o seu directo na Capitol, xunto con outras dúas bandas do país, 2Sisters e A New Heaven Arise. Escenario de luxo e a fidelidade dos seareiros deste estilo, unha tribo á parte como nos confesaba o propio Mario, sempre dispostos a arroupar as moitas propostas que xorden no país. Iso si, tirando Invivo, a maioría -como pasa a nivel internacional- con temas cantados en inglés. Porén, como nos dixo Mario, neste estilo a xente está moi aberta a escoitar metal en inglés, galego ou calquera outro idioma. Xa sabes, se queres unha boa dose de metal galego, non deixes de ir mañá á Capitol.

Para ir quentando motores, recuperamos unha entrevista que Montse Dopico lle fixo ao propio Mario hai un mes e tamén o propio disco, Cárcavas, dispoñible de balde na rede.


M_: O principal cambio é que ti xa non cantas. Que pasou coa túa voz? Moitos anos de caña? (Túzaros, Invivo…)

Mario:
Pois comecei a cantar aos 17 anos, así que levo 23 anos forzando a voz. Non quero falar coma un vello, pero é verdade que cos anos daste de conta de que non coidaches a voz como deberías. Nunca fixen exercicios de quecemento nin doutro tipo ata que comecei a notar molestias. Ademais, sendo alérxico, nos últimos anos mudáronme o tratamento que viña recibindo por un medicamento que me produciu unha inflamación de gorxa permanente, da que a día de hoxe non fun quen de recuperarme. A verdade é que xa tiñamos todo preparado, a música gravada, as letras escritas,… e non puiden cantar. Cando presentamos o disco tributo a Zënzar xa non fun quen de cantar. Tocamos, mais tiveron que colaborar cantantes doutros grupos. A partir de aí xa nos formulamos o cambio. Roberto Filgueira ten unha voz axeitada para a música que facemos e animouse a coller o micro.

M_: Ademais así ti podes centrarte na guitarra e non tes que cantar ao mesmo tempo.

Mario:
Si, ademais a este é o disco de Invivo que máis me gusta! Desfruto máis de tocar ao non ter que estar pendente das dúas cousas. Os textos seguen a ser meus a maioría, fago coros,… E Filgueira pode cantar máis cómodo. Deixou o baixo, entrando Bruno Castro (Sarabia, Crying Wolves, Nerium,…).


M_: Din que o disco quedou máis redondo, que é máis contundente… Será a evolución do propio grupo, non si?

Mario: O primeiro disco foi quizais a toma de contacto, xa que viñamos de grupos diferentes. E o dos músicos coido que ten bastante semellanzas co da vida en parella: hai que ir coñecéndose… Despois de tres discos xa se ve que nos compenetramos moito mellor. Tamén o produtor, Iago Pico, sabe de nós moito máis e iso axuda moito. Ademais, sei que soa un pouco frío ou artificial, pero gravamos sen coincidir no estudo. Eu estiven con Roberto Filgueira de asistente coas voces, pero despois cada un gravou a súa parte. Hai xente que pensa que así o rock perde a súa esencia mais a nós permítenos estar máis cómodos, máis centrados. Iago tamén ten unha man esquerda adecuada e don de xentes, necesarios nun bo técnico de son, o que fai doado gravar con el. Case non tivemos que repetir as tomas.

M_: O primeiro disco, ‘Introvisión’, era máis metal. O segundo, ‘Dogma’, máis hardcore. Neste deume a impresión de que uns temas eran máis metal e outros máis hardcore…

Mario: Quen fai a maior parte das composicións musicais é Roberto Couto. El trouxo temas diferentes e entre todos fomos escollendo. A idea consistiu basicamente en combinar os estilos que nos gustan. De tódolos xeitos, a batería de Ricardo é moi metal, polo que algúns temas que poidan ter, a priori, outra cadencia, acabarán soando metal.

M_: Ademais os retrousos enténdense ben…

Mario: Si, e a verdade é que eu son máis esixente con iso con Filgueira do que era comigo mesmo. Eu sempre digo que cantar forte está ben, pero que tamén hai que vocalizar. Cando un fai os textos, adoitas cantar para ti, que xa a entendes e non te preocupas tanto. Mais claro, ao escoitala cantada por outra persoa, si que queres que se entenda ben!. Sobre todo o retrouso. De tódolos xeitos tamén hai que dicir que ás veces a xente quéixase sen ser obxectiva, xa que tampouco se preocupa moito por entendela. A maior parte da xente non entende o que din as letras en inglés e non se queixa.


M_: En canto ás letras, no primeiro disco había bastante dor. No segundo, conciencia da opresión e da necesidade de erguerse fronte a ela. No terceiro parece que esa reacción social xa está a andar. Pode ser?

Mario:
No primeiro disco as letras pretendían poñer o contador a cero: viñamos doutros proxectos e ‘Introvisión’ pretendía ser unha declaración de intencións. Por exemplo, ‘Tuneladores’, tentaría ser a carta de presentación. É verdade que se reflicte bastante dor e frustración. O segundo, ‘Dogma’, é un disco máis combativo e si, busca a confrontación fronte á pasividade social. En ‘Cárcavas’ algunhas letras din: “aquí estamos”. Tanto nós como grupo, como a sociedade. É dicir: agora é o momento. Xa levabamos moito tempo coa ira que non chegaba, con moitas demandas, mais xa non agardamos máis. Tamén hai letras moi duras, como a propia ‘Cárcavas’, que ten que ver, entre outras cousas, coas invasións e destrucións, se cadra ilustrando exemplos desgrazados coma o último ataque a Palestina, o asasinato de civís, nenos,…

De todas maneiras, a min gústame que as letras non teñan un só significado. Teñen ademais un compoñente metafórico grande, que creo é necesario na música, e na arte en xeral se queres chamarlle así, e na vida real. Semella que temos moita información, pero vivimos nunha desinformación moi grande. Parece que todo ten que pasar polo visual e iso dá pé a que a xente non se cuestione moitas cousas. É o Gran Irmán: unha sociedade pornográfica, na que todo ten que ser visible, mais realmente non sabemos o que pasa. Por iso é necesario estar atentos e ir máis alá do que nos amosan.



M_: ‘Cárcavas’ é metáfora da auga que erosiona a rocha…

Mario: ‘Cárcavas’ é a forza da natureza que, por moito que ergamos muros, por moitas obras de enxeñería que fagamos, vai seguir o seu curso, vai acabar erosionando a rocha. E noutro sentido, tamén é o mal que poden causar esas augas incontrolables. É esa dualidade.


M_: Neste disco están moi presentes, como nos anteriores, o medo inducido polo poder e a mentira, que son dous aspectos diferentes do mesmo.

Mario:
É que o xeito de funcionar do poder agora é tan visible que xa é imposible non velo. É interesante, nese sentido, ver como xente que antes estaba máis instalada na pasividade agora ten a actitude contraria. O poder que se ve descuberto socialmente sempre reacciona tentando provocar medo, individual e colectivo. O medo foi unha ferramenta moi poderosa en toda a historia da humanidade. O medo é unha arma paralizante que fixo que os poderosos mantiveran a súa capacidade de opresión.

M_: A publicación do primeiro disco coincidiu cando xa comezara a “crise”. Había un discurso social forte xa nel. Mais tampouco é raro: xa o había en Túzaros, por exemplo, antes de que comezase isto. Dígoo porque hai grupos que agora si teñen un discurso máis político. Noutros é máis de sempre.

Mario:
Túzaros tiña unha vertente máis punk que Invivo. Pero é verdade que nos últimos anos os grupos de metal tenden a facer letras cada vez máis comprometidas. É un tipo de música que sempre tivo que ver cos movementos sociais. Ademais, por un lado, os grupos europeos están máis uniformizados. Cando non había internet, os grupos europeos de metal estaban máis vinculados a movementos da esquerda e os americanos tiñan unha certa vertente republicana. Mais é o bo da globalización neste aspecto: ata ese tipo de grupos agora teñen unha vertente social. E, claro, tal como van as cousas, a música ten que servir polo menos para a contestación: o propio metal é contestación. Tamén os grupos que tiñan a vertente máis telúrica e gótica foron adaptándose aos temas sociais. Agora xa non falan tanto de caveiras e sangue… , ou si falan de sangue, pero a derramada por outro tipo de cuestións, máis sociais.

M_: Neste disco hai un tema en castelán. Mais non é raro. Xa había algún nos outros discos. É cuestión de influencias de grupos que cantan en castelán?

Mario:
As letras en castelán son nos primeiros discos de Ricardo e neste de Filgueira. Foron tal como as presenta cada membro que escribe: ten a importancia que lle queiramos dar. Respectamos o idioma no que veñen as propostas e nada máis. O mesmo que coa música, pois movémonos nun abano que vai do rock stoner ao metalcore.


M_: Que é ‘Testemuñas’? Podes explicar un pouco a idea fundamental de cada tema?

Mario:
‘Testemuñas’ é un recoñecemento á xente que, antes que nós, deixou a súa vida, a súa terra, a súa familia,…, coa fin de que nós poidamos ter certos dereitos. Agora non deixamos de ter problemas, pero temos o básico, un sitio para vivir con certa dignidade, un prato na mesa,… e xa non temos moita conciencia do que outras persoas loitaron por nós para que o tiveramos. Sempre que se dá un paso atrás deberiamos mirar a face desta xente e coller a súa testemuña. Roberto fixo a música deste tema e eu tiña claro que a letra tiña que ser esta. Ten algo de metal sudamericano: Sepultura, Animal, Soulfly… Pois nas súas letras hai alegorías á loita pola libertación dos indíxenas e das nacións americanas, que aquí nos costa tanto recoñecer…

‘Anatema’ fala dunha doenza irreversible, da inxustiza que supón ter unha doenza que te priva de seguir vivindo. ‘24.07’ é un tema instrumental, cun piano, homenaxe ás vítimas do accidente de Angrois. ‘Derrubando as portas’ é un tema moi hardcore, que ten que ver directamente co que falamos antes: aquí estamos, temos que derrubar os muros. ‘Fenda aberta’ é a idea atemporal dos inquisidores que nos acusan e que tentan facer pasar aos oprimidos por opresores e viceversa. ‘Baixo o mesmo signo’ vai na mesma liña: a violencia exercida desde os medios, esa violencia que podería chagar a ser incluso un tipo de terrorismo mediático. ‘Dar un paso’ é un exemplo de resposta: calquera de nós enfrontándonos a ese tipo de violencia, sen medo. ‘Ni una más’ é de Roberto e está ben clara: “con tu cara de cerdo,/ has convencido al pueblo,/ de que tú eres el bueno”. ‘Sol’ é tamén de Filgueira, un pouco máis metafórica, cunha música máis cadente, cunha mensaxe de esperanza… E ‘Nosa quenda’ é a resposta social da que xa falamos: tócanos a nós devolver a labazada.



M_: Por temas como ‘Sol’, e polo ton en xeral, o disco é máis optimista, menos escuro que o primeiro…

Mario:
Se cadra o primeiro é máis comprimido e este máis solto. No primeiro, tamén era o primeiro que gravabamos xuntos e sempre é máis difícil. Hoxe, ademais, hai unha tecnoloxía que permite gravar de maneira máis cómoda. Cando fixemos as primeiras maquetas se alguén fallaba había que repetir todo,… Iso, por un lado, esixe máis virtuosismo e máis capacidade musical… Mais o bo de agora é que a tecnoloxía fai que todo sexa moito máis accesible, que se poida gravar un disco case sen medios…

M_: Moi ao principio participastes no Apostolocausto, no 2008 gañastes a terceira edición do Millarock… Pouco quedará do que erades entón, non si?

Mario:
Parte deste repertorio do principio xa non o utilizamos. E iso significa tamén que fomos cambiando. Facer cousas diferentes dentro dun mesmo abano está ben…

M_: Entón compartistes escenario con bandas como Hamlet, Estirpe, Berri Txarrak ou A Palo Seko, entre outras. Iso de andar por aí por fóra de tocando con outros grupos xa non o facedes tanto porque non queredes ou porque hai poucas oportunidades?

Mario:
Nós temos as mesmas ganas de tocar que o primeiro día, sempre que sexa cunhas condicións técnicas mínimas e sen perder cartos, claro. Non nos importa ir de teloneiros, tocar ás cinco da tarde nun festival… Hai dous anos estivemos no Resurrection Fest, tocamos a primeira hora da tarde nun escenario moi pequeno e estivemos encantados. Coido que niso temos que baixar os fumes e aprender das bandas profesionais de hardcore americanas: sempre que haxa unhas condicións mínimas, tócase onde e como sexa.

M_: Tedes un vídeo de ‘Cárcavas’, que fixo a mesma persoa que ‘1940’…

Mario:
Si, Lois Rodríguez é quen o fixo. É un amigo que ten moitas capacidades para moitas cousas: tanto no artístico coma no técnico… Hai uns anos meteuse no mundo audiovisual. Nós pedímoslle que nos fixese ‘1940’, que quedou moi ben… E o mesmo con ‘Cárcavas’. Con tomas de estudio fixo algo impactante…

M_: Dicías hai pouco que non había moita escena de metal en Galicia…

Mario:
Para falar diso primeiro hai que poñerse de acordo sobre o que é iso, e non é tan fácil. Temos o debate se son grupos galegos de metal só os que teñen as letras en galego ou tamén os que son de aquí pero cantan noutra lingua. Veñen á mente, por exemplo, as bandas de metal alemás ou nórdicas, que cantan en inglés… Se entendemos por metal galego o que está en galego hai poucos grupos. Se engadimos os outros, a oferta é maior. Mais o mellor é que hai bandas de xente nova cun nivel moi alto, con moitas ganas. Iso é o realmente interesante, xa que sería un erro pretender estar só os que comezamos nisto nos 90.



Cárcavas - Invivo (2014)


Fonte: Entrevista a Mario en M_, por Montse Dopico

Fotos: Facebook de Invivo

{fcomments}









Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.